AS TERCEIRAS XORNADAS DE HISTORIA LOCAL CELÉBRANSE MAÑÁ E O SÁBADO NO SALÓN DE ACTOS MUNICIPAL

A terceira edición das xornadas de historia local organizadas polo Concello de Lourenzá celebraranse mañá, venres, e o sábado no salón de actos municipal.

Mañá ás 19:00 horas proxectarase o documental Os días afogados, que foi Premio Mestre Mateo 2016. E rematará a primeira xornada coa conferencia Historia, mito e lenda do Conde Santo Osorio Gutiérrez, a cargo do historiador Carlos Andrés González Paz, que é doutor en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela e desenvolve o seu labor investigador no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

O sábado ás 19:30 horas será o laurentino Manuel Román Ramos o encargado da conferencia, que tratará sobre O Catastro da Ensenada no concello de Lourenzá. Manuel Román Ramos, mestre xubilado, é un estudoso dos arquivos e da historia do concello de Lourenzá. E rematarán as xornadas cunha actuación musical a cargo do cuarteto tradicional Xaramolos.

Ademais durante este fin de semana na Sala de Exposicións do Concello estará aberta unha mostra de fotografías antigas de Lourenzá.

Para organizar estas actividades o Concello de Lourenzá conta coa colaboración da Deputación de Lugo.