TRABALLO SEGUE A APOSTAR POLO COOPERATIVISMO QUE EN GALICIA RESISTE Á CRISE COA CREACIÓN NO PRIMEIRO SEMESTRE DE 33 COOPERATIVAS

Ames (A Coruña), 6 de xullo de 2013.- O Día do Cooperativismo Galego celebrouse hoxe na localidade de Ames, onde tivo lugar a entrega de premios á cooperación 2013. A inauguración dos actos e entrega de premios estivo presidida pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen indicou que a Xunta segue a apostar por esta fórmula empresarial, xa que afirmou que continúa a resistir á crise económica.

Así, expuxo que entre 2009 e ata o de agora constituíronse na Comunidade autónoma 224 iniciativas deste tipo, das que 33, cun total de 197 socios, naceron no primeiro semestre deste ano. Galicia conta na actualidade con preto de 1.200 cooperativas que aglutinan a máis de 90.000 socios e crean máis de 18.000 postos de traballo. “Os datos avalan que o cooperativismo é unha fórmula para resistir á crise, xa que fomentan o emprendemento e preservan os postos de traballo, ao tempo que buscan tamén un equilibrio territorial”, apuntou Mato.

Por iso, a titular de Traballo afirmou que o orzamento do Goberno galego neste eido volve a superar en 2013 os 4 millóns de euros. A conselleira fixo fincapé nos programas e iniciativas pioneiras postas en marcha polo departamento autonómico para dar apoio e cobertura a todas as persoas e proxectos que aposten por esta fórmula empresarial.

Destacou, entre outras actuacións, a Rede Eusumo de asesoramento en economía social, que se puxo en marcha en 2012 e que, tras fixar as súas bases mediante un decreto, estase a fomentar este ano “de forma decidida”, segundo asegurou. Neste senso, subliñou que ao abeiro deste proxecto naceron ata o momento 27 cooperativas que posibilitaron a creación de máis de 100 empregos directos.

Lembrou, así mesmo, que a Xunta modificou a Lei do Cooperativismo que estaba vixente desde 1998 para facilitar e promover a creación de novos proxectos e puxo en marcha o programa Coopera Máis para articular medidas que contribúan ao fomento e consolidación das cooperativas na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Por último, a conselleira avanzou que no último trimestre deste ano poranse en marcha a marca Coopera, un distintivo para impulsar esta fórmula, os seus produtos e servizos. “O obxectivo que se vai perseguir con esta iniciativa é dar visibilidade a aquelas cooperativas que estean a realizar unha boa xestión”, apostilou Mato.

Premios á cooperación 2013

Con respecto aos premios á cooperación 2013 que se entregaron hoxe en Ames, a responsable da área autonómica afirmou que con estes galardóns, que falla anualmente o Consello Galego de Cooperativas, recoñécese o traballo destas empresas, así como a súa capacidade de innovación e de promoción dos valores da economía social.

O premio ao mellor proxecto cooperativo recaeu en ‘Luscoefusco’ e ‘Xanela’. A primeira, afincada en Teo, ten como obxectivo fundamental contribuír ao desenvolvemento de nenos e nenas a través do xogo no tempo de lecer a cargo de educadores especializados.

Pola súa banda, ‘Xanela’, de Amoeiro (Ourense), inclúe na súa oferta unha formación de calidade adaptada ás necesidades dos alumnos, así como prácticas para o envellecemento saudable dos maiores, axudando, desta forma, a retrasar e previr as situacións de dependencia,

A Mancomunidade Terra de Celanova gañou o galardón á promoción do cooperativismo. Forma parte da Rede Eusumo desde hai un ano e promove a economía social no ámbito de 8 concellos rurais da comarca, apostando polos sectores emerxentes.

O premio aos valores cooperativos recibiuno ‘O Cable Inglés’, de Vigo, que nos servizos que presta ten en conta sempre a xestión cultural e sostibilidade e a vinculación ao territorio.

‘Proxecto Coop’ e Val de Lourenzá gañaron o concurso de iniciativas cooperativas pola súa aposta pola atención social a persoas dependentes, no primeiro caso, e pola comercialización dun produto propio de Galicia, como é a faba de Lourenzá, no segundo caso.

Por último, entregáronse os galardóns de cooperativismo no ensino a diversos centros educativos e de formación profesional de Galicia pola difusión dos valores do cooperativismo entre a mocidade.

Os premiados foron: alumnos do segundo ciclo de Educación Infantil do CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo de Cee (A Coruña); o primeiro e segundo ciclo de Educación Primaria do CEIP Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives (Ourense); terceiro e cuarto curso de Educación Primaria do CEIP San Miguel de Reinante Barreiros da localidade de Barreiros (Lugo); alumnos de quinto e sexto de Educación Primaria do CEIP San Miguel de Reinante Barreiros de Lugo; e o primeiro e segundo ciclo da ESO do IES Pedra da Auga de Ponteareas (Pontevedra).