Xunta e Concello de Lourenzá colaboran na conservación, defensa e promoción do medio natural con motivo da Semana do Medio Ambiente

Santiago, 22 de maio de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente colabora co Concello de Lourenzá no desenvolvemento de actuacións para o fomento da conservación, defensa e promoción do medio natural de Galicia. Ambas administracións queren celebrar desta forma a semana do Medio Ambiente 2013.

Esta celebración está contemplada no convenio de colaboración que o pasado mes de marzo renovou a consellería coa Fundación “La Caixa”, e que ten coma obxecto o desenvolvemento de accións de mellora nos espazos naturais para lograr uns sistemas ecoloxicamente máis valiosos e estables no territorio da comunidade autónoma galega.

Actuacións a desenvolver

As accións que están a xestionar o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, teñen lugar no municipio de Lourenzá.

Dende o pasado sábado 20 de maio se está a desenvolver a participación de alumnos de 3º ciclo de primaria do CEIP Juan Rei de Lourenzá e os alumnos de ESO e BAC do IES San Rosendo de Mondoñedo nun concurso de fotografía “A natureza na Mariña Lucense”, co que se dará a coñecer o patrimonio natural e a biodiversidade da zona. Os participantes poderán entregar as súas fotografías ata o 1 de xuño que o xurado premiará por categorías.

Outras das actuacións que o Concello e o Goberno autonómico teñen previsto é unha Xornada de limpeza do río Masma e do río Baos ao seu paso por Lourenzá o próximo 1 de xuño. Para elo contarase coa presenza de voluntarios do Concello, da Asociación de pescadores do río Masma e da Fundación “La Caixa” co fin de mellorar o espazo fluvial.

A celebración da semana do Medio Ambiente 2013 rematará o 11 de xuño coa entrega de premios do concurso fotográfico e unha conferencia do Dr. Miguel Delibes de Castro, profesor de investigación de CSIC, ex-Director da Estación Biolóxica de Doñana e actual Presidente do Consello de Participación de Doñana.