A XUNTA REMATOU O DRAGADO DO ENCORO DE LOURENZÁ, NO QUE INVESTIU PRETO DE 1 MILLÓN DE EUROS

  • Esta actuación mellorou e aumentou a capacidade da rede de abastecemento, e protexeu a contorna natural fronte a riscos de inundacións
  • Hernández anunciou que o seu departamento continuará mellorando as infraestruturas do concello, no que levará a cabo o saneamento do núcleo rural do Requeixo, cun investimento de 270.000 euros
  • A Dirección Xeral de Conservación da Natureza acometerá ademais as obras de adecuación do entorno do Muíño do Pereiro e da Ponte de Xuncal, e creará unha ruta de sendeirismo no Val de Lourenzá
  • Xunta e concello asinaron recentemente un convenio para para a mellora do acceso ao colexio público Juan Rey dende a estrada LU-122, (Paraxes – Lourenzá)

 

Lourenzá (Lugo), 2 de xullo de 2013.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou hoxe o encoro da localidade de Lourenzá, situado no río Baos, onde a Xunta de Galicia vén de rematar os traballos de limpeza e dragado do encoro de Lourenzá, nos que se investiron case un millóns de euros (964.992,96).

lourenza xunta

Hernández manifestou que, unha vez finalizadas estas obras, o seu departamento continuará actuando nas infraestruturas do concello a través de novos proxectos que redundarán na mellora do medio ambiente e do entorno natural. O máis inmediato será o saneamento do núcleo rural do Requeixo, para o que o concello xa enviou o proxecto a Augas de Galicia e nestes momentos está en fase de supervisión. O investimento nesta obra ascenderá a 270.000 euros.

Ademais, o conselleiro confirmou á alcaldesa que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza acometerá este mesmo ano as obras de adecuación do entorno do Muíño do Pereiro e da Ponte de Xuncal, e creará unha ruta de sendeirismo no Val de Lourenzá. O investimento previsto nestes proxectos ascenderá a 47.000 euros.

Actuacións no encoro

O encoro de Lourenzá presentaba unha importante acumulación de lamas e sedimentos no vaso, o que provocaba a redución da súa eficiencia de abastecemento e como consecuencia a posibilidade de deixar fóra de servizo o sistema de desaugadoiro co conseguinte risco para as avenidas.

Estas incidencias provocaban problemas de tratamento e sobrecustos na planta de auga potable á que da servizo, e a degradación ambiental da zona pola probabilidade de que, nuns anos, desaparecese a masa de auga global, quedando substituída por pequenas masas de auga que se comunicarían dependendo do nivel de encoro.

Ante a acumulación de lodos, que estaba a diminuír a capacidade do encoro, Augas de Galicia considerou necesario o dragado e limpeza do mesmo. Para executar os traballos necesitouse realizar unha captación provisional para manter o abastecemento de auga durante as accións no encoro. Ademais foi necesaria unha perfecta coordinación cos responsables do servizo de Conservación da Natureza para minimizar ao máximo a afección á fauna piscícola da zona.

A retirada dos lodos executouse con medios mecánicos, e o resultado total de extracción foron máis de 11.000 m³ de material, que foi entregado ao xestor autorizado.

Colaboración administrativa

O conselleiro sinalou que a obra de limpeza e dragado do encoro de Lourenzá é unha mostra da necesidade de establecer canles de colaboración entre as administracións para garantir uns servizos aos cidadáns. Recordou que non se trata da única actuación, xa que recentemente, o conselleiro e a alcaldesa de Lourenzá asinaron un convenio entre ambas administracións para a mellora do acceso ao colexio público Juan Rey dende a estrada LU-122, (Paraxes – Lourenzá).

A Consellería de Medio Ambiente, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, subvencionará o 100% das obras cun orzamento de execución que estimase en 60.500 euros. A AXI licitará, executará e dirixirá os traballos de reparación unha vez teña elaborado e aprobado o documento técnico que contemple as obras de mellora.

 Mentres, o concello de Lourenzá deberá poñer a disposición da AXI os terreos antes da adxudicación das actuacións, e obter os permisos, licencias e autorizacións necesarias. Unha vez finalizados os traballos, e logo da comunicación da Axencia Galega de Infraestruturas, a administración local será a encargada de asumir a explotación, mantemento e conservación das obras resultantes, asumindo as responsabilidades correspondentes como ente titular destas.