Novas

Novas do Concello

A casa da cultura acollerá unha charla da Secretaria Xeral de Urbanismo, Encarna Rivas, para falar da planificación do territorio. A alcaldesa considera que é un acto moi interesante para todos os veciños

Lourenzá, 9 de febreiro de 2013. O día 19 deste mes de febreiro, martes, ás sete e media da tarde a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, impartirá no salón de actos da casa da cultura de Lourenzá unha charla informativa co título “A planificación do territorio como ferramenta de convivencia”.

Enxeñeiros de Augas de Galicia visitaron a ponte sobre o río Batán no Camiño A e farán un informe para o seu arranxo. Mentres, un dos carrís quedará cortado ao tráfico e no outro seguirá prohibido o paso a vehículos de máis de 8 toneladas

Lourenzá, 8 de febreiro de 2013. Técnicos do ente autonómico Augas de Galicia visitaron esta mañá o municipio de Lourenzá para ver o estado no que se atopa a ponte sobre o río Batán na estrada coñecida como Camiño A, concretamente no lugar de Sendín, pertencente á parroquia de San Xorxe. Mentres elaboran un informe sobre os arranxos que precisa a ponte danada polo temporal do pasado mes de xaneiro un dos carrís do vial quedará cortado ao tráfico e polo outro seguirá prohibido o paso para vehículos de máis de 8 toneladas.

Co baile do taller de memoria empezaron onte os actos de Antroido en Lourenzá. O día grande será o domingo de piñata co tradicional desfile no que se repartirán 4.700 euros en premios

Lourenzá, 7 de febreiro de 2013. Lourenzá iniciou os distintos actos que con motivo do Entroido se van desenvolver no municipio organizados por distintas asociacións e tamén polo Concello. No día de onte celebrouse o primeiro deles, que foi o baile do taller de memoria, “onde unha ducia de persoas maiores e a profesora estaban disfrazadas”, explicou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.

A Secretaría Xeral para o Deporte realizará un estudo para analizar a posibilidade de dotar a Lourenzá dun novo campo de fútbol

Lourenzá, 5 de febreiro de 2013. Un arquitecto da Secretaría Xeral para o Deporte estivo en Lourenzá visitando as instalacións deportivas do concello e coñecendo de preto as necesidades que os laurentinos teñen nesta materia. A Xunta cumpre así co acordado no encontro que mantivo en Santiago a alcaldesa, Emma Álvarez, o pasado mes de decembro e no que demandou un campo de fútbol de herba sintética para Lourenzá.

Emma Álvarez considera moi importante a presencia de Lourenzá en Fitur. A alcaldesa di que os monumentos, a paisaxe e a faba están presentes nesta cita no stand de Turgalicia

Lourenzá, 1 de febreiro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, considera moi importante a presencia do seu concello en Fitur en Madrid.

A rexedora dixo que “é unha experiencia vir a Fitur, tendo en conta que é a primeira vez que como alcaldesa visito estas instalacións e tamén a primeira vez que me achego a esta cita. Considero que é moi importante para un concello pequeniño como é o de Lourenzá estar aquí presentes”.

O presidente de Sogama pronunciou onte unha charla sobre a reciclaxe de residuos na Casa da Cultura de Lourenzá

O presidente de Sogama, Luis Lamas, pronunciou onte á tarde unha charla sobre a reciclaxe de residuos no salón de actos da Casa da Cultura de Lourenzá. Lamas falou da reciclaxe, da estructura de Sogama do custe que ten para os Concellos todo este proceso. En palabras da alcaldesa, Emma Álvarez, "a charla resultou moi ilustrativa e moi interesante". Os máis de 70 asistentes recibiron unha bolsa con material divulgativo e publicitario como bolígrafos de cartón reciclado, lapiseiros, imáns de neveira ou receitarios de cociña.

O Concello donará as dietas do pleno ordinario, previsto para o 15 de febreiro, e a recadación do partido de fútbol que disputarán o Lourenzá e o Foz o vindeiro domingo a Sandra Llopis

Lourenzá, 29 de xaneiro de 2013. O Concello de Lourenzá solidarízase coa ribadense Sandra Llopis, que sigue a recadar fondos para realizar o transplante de córnea que precisa no Centro de Oftalmoloxía Barraquer. Nas últimas horas a alcaldesa, Emma Álvarez, o concelleiro de Deportes e presidente das Escolas Deportivas, Pablo Maseda, e o secretario das Escolas Deportivas, Rubén García, mantiveron un encontro con Sandra Llopis e a súa familia para coñecer de preto o seu caso.

Atopado un can no municipio

O Concello busca un fogar para a cadela, de raza Collie, que foi localizada hai unhas semanas na parroquia de San Xorxe, entre o lugar de Mazúa e Outeiro. Aquelas persoas que poidan estar interesadas en adoptar ou acoller a esta cadela deben poñerse en contacto co Concello de Lourenzá. O animal non levaba microchip de aí que sexa imposible localizar ao seu dono. A cadela atópase desde hai un par de semanas co veciño que a rescatou da presa na que se atopaba atrapada no río Batán.

O presidente de SOGAMA, Luís Lamas, ofrecerá mañá unha charla sobre a reciclaxe de residuos no salón de actos da Casa de Cultura de Lourenzá

Lourenzá, 28 de xaneiro de 2013. O salón de actos da casa de cultura de Lourenzá acollerá mañá martes, 29 de xaneiro, unha charla sobre a reciclaxe de residuos, que correrá a cargo do presidente de Sogama, Luis Lamas. Será ás 19: 30 horas. O acto está destinado ás amas de casa e a todas as persoas que xeran residuos nos seus domicilios.

Distribuir contido