Novas

A ASOCIACIÓN CONDE SANTO ORGANIZA O LUNS DE ENTROIDO PARA O VINDEIRO DÍA 16. HABERÁ ACTIVIDADES PARA NENOS, CHOCOLATADA, FESTA DE DISFRACES E PREMIOS PARA GRUPOS, PARELLAS, INDIVIDUAIS E O MÁIS CHISTOSO

A asociación Conde Santo, de Lourenzá, celebrará o vindeiro día 16 o seu terceiro luns de Entroido. O evento terá lugar no recinto do Mercado Gandeiro e contará cunha temática central para os disfraces baseada nas distintas culturas e nacionalidades do mundo. Os nenos gozarán de música e xogos especiais a partir das cinco da tarde e poderán participar nunha chocolatada, organizada polo Concello, ao remate da festa infantil, que será gratuíta.

O CONCELLO RECOLLEU DOUS CANS ABANDONADOS NA PARROQUIA DE SANTO TOMÉ

O Concello de Lourenzá recolleu dous cans que foron abandonados na parroquia de Santo Tomé.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “son dous cachorros femias que xa comen. Para un deles xa hai unha persoa que quere adoptalo e para o outro os interesados poden preguntar na Casa do Concello”.

 

O CONCELLO OFERTA UN CURSO DE INICIACIÓN Á TAPIZARÍA ENTRE OS MESES DE FEBREIRO E MAIO. AS INSCRIPCIÓNS PODEN FACERSE XA NA OFICINA TÉCNICA MUNICIPAL DE EMPREGO

O Concello de Lourenzá, en colaboración co Centro de Artesanía e Deseño, organiza un curso de iniciación á tapizaría para os vindeiros meses. A actividade comezará o 23 de febreiro, luns, e terá unha duración de 60 horas. As clases impartiranse ata o 6 de maio, en horario de 19 a 22 horas, os luns e os mércores. O curso conta cun límite de dez prazas e a matrícula ten un custo de 30 euros por persoa.

OS SERVIZOS SOCIAIS DE LOURENZÁ TRAMITAN DENDE ESTA SEMANA AS PRESTACIÓNS ECONÓMICAS DA XUNTA DE GALICIA PARA O PAGAMENTO ÚNICO A FAMILIAS CON FILLOS MENORES DE 3 ANOS

O Concello de Lourenzá tramita dende esta semana as solicitudes de axudas da Consellería de Traballo e Benestar para poder acceder ás prestacións económicas de pagamento único para pais con fillas e fillos menores de 3 anos. O prazo de solicitude estará aberta ata o 14 de marzo. Os interesados poden recibir máis información ou facer os seus trámites nas oficinas dos Servizos Sociais Municipais de Lourenzá, situados no Torreón dos Frades.