A ACTIVIDADE DE PETANCA CELEBRADA NA PRAZA DO CONDE SANTO CONTOU CON MOITA PARTICIPACIÓN

A Praza do Conde Santo, en Vilanova de Lourenzá, volveu encherse de vida este mércores coa celebración da actividade Xogando á petanca, organizada pola Asociación Valdeflores dentro da programación Verán na Praza, impulsada polo Concello de Lourenzá.

A alcaldesa, Rocío López, destacou que “a iniciativa contou cunha magnífica participación de nenos, familias e veciñanza, que tiveron a oportunidade de achegarse por primeira vez a este deporte, coñecer as súas regras, descubrir en que consiste e iniciarse na súa práctica nas distintas pistas habilitadas para a ocasión, gozando dunha tarde de lecer, aprendizaxe e convivencia”.

Desde o Concello de Lourenzá expresan o sincero agradecemento á Asociación Valdeflores “pola súa implicación e colaboración na organización desta actividade, facendo posible unha proposta que espertou un gran interese entre persoas de todas as idades. Así mesmo, queremos recoñecer o labor de todo o tecido asociativo do municipio, cuxa participación está a ser fundamental para o éxito da programación estival”.

A rexedora engade que Verán na Praza está a converterse nun “auténtico referente das tardes dos mércores en Lourenzá, enchendo semana tras semana a Praza do Conde Santo de xente e dinamizando a vila cunha programación variada, participativa e pensada para todos os públicos. O éxito de asistencia e a excelente resposta da veciñanza confirman o acerto dunha iniciativa que fomenta a convivencia, o lecer saudable e a posta en valor do traballo conxunto entre o Concello e o asociacionismo local.

O Concello de Lourenzá anima á veciñanza a continuar participando nas próximas actividades desta programación, que seguirá ofrecendo novas propostas para desfrutar do verán en comunidade.