Lourenzá, 27 de outubro de 2026. Comezan esta fin de semana as representacións do VIII Certame de Teatro Concello de Lourenzá, para o que foron seleccionadas oito obras doutros tantos grupos. Todas as actuacións serán no Multiusos Ponte de Cuñas.
Este sábado, día 31 de outubro, ás 20:30 horas o grupo Trípode, de Alfoz, representará a obra Desequilibrados. E o domingo, 1 de novembro, ás 20:00 horas Pico do Castro, de Foz, porá en escena Trato a cegas.
Na seguinte fin de semana, o sábado 7 ás 20:00 horas The-Sastre, de Barbadás, representará e-MÉRITO. E o domingo 8, tamén ás 20:00 horas, a obra será Asemblea de mulleres, a cargo do grupo da asociación Melandraina, de Arteixo.
O día 14, sábado, ás 20:00 horas Avelaíña Teatro, de Pontevedra, ofrecerá a obra Pantasmas. E o domingo 15 ás 20:00 horas O Bicho da Barra, de Ortigueira, porá en escena Unha obra para un pobo.
O 22 de novembro, domingo, ás 20:00 horas representarase A farsa de Inés Pereira, a cargo do grupo da Asociación Cultural Muíño do Vento, de Ferrol.
E a última obra que participará no certame ofrecerase o 28 de novembro, sábado, ás 20:00 horas. Será Aquí non paga nin dios??? , de Touporroutou (Foz).
A gala de entrega de premios será o sábado 19 de decembro ás 20:00 horas e contará coa representación da obra A vida é un soño (ou case), da compañía Señor López Producións.
