A Praza do Conde Santo, de Lourenzá, acolleu onte, mércores, unha actividade de zumba ao aire libre que “reuniu a numerosas persoas de todas as idades, nunha tarde festiva, deportiva e de convivencia”, explica a alcaldesa, Rocío López García, que engade: “nenos, maiores e participantes habituais das clases de zumba sumáronse á proposta e encheron a praza de música, movemento e diversión. Durante a actividade os asistentes puideron aprender e practicar diferentes pasos e coreografías, gozando dunha sesión aberta e participativa. A xornada contou tamén coa presenza de membros do grupo de zumba que, ademais de Lourenzá, procedían doutros lugares, aos que desde a organización se quere agradecer especialmente a súa participación e o feito de achegarse para compartir esta tarde coa veciñanza. A actividade serviu, ademais, como unha magnífica carta de presentación para animar a máis persoas de Lourenzá a probar e participar nas clases de zumba que continuarán durante este ano. As sesións celebraranse nas tardes dos mércores, dando continuidade a unha actividade que xa conta con tradición e boa acollida no municipio”.
A organización agradece a todas as persoas que participaron nesta xornada, tanto ás que forman parte habitualmente do grupo como ás que se achegaron por primeira vez, “a súa implicación e por contribuír a crear este ambiente festivo na Praza do Conde Santo”.
A rexedora municipal destaca que esta proposta “demostrou, unha vez máis, que o deporte, a música e a actividade ao aire libre son tamén unha excelente maneira de compartir tempo, facer comunidade e gozar de Lourenzá”.
