O CONCELLO DE LOURENZÁ ACTIVA UN DISPOSITIVO ESPECIAL DE TRÁFICO CON MOTIVO DA 34ª FESTA DA FABA

O Concello de Lourenzá activa un dispositivo especial de tráfico con motivo da 34ª Festa da Faba, que se celebra esta fin de semana, desde o venres 2 ata o domingo 4 de outubro.

É “unha das citas máis importantes do calendario festivo e gastronómico do municipio”, destaca o Concello, que engade: “o dispositivo foi elaborado e coordinado coa Garda Civil e Protección Civil, co obxectivo de garantir a seguridade durante o desenvolvemento das distintas actividades previstas e, ao mesmo tempo, facilitar a circulación e o acceso das persoas que se acheguen a Lourenzá durante estes días”.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, explica que “entre as novidades deste ano destaca a modificación do percorrido previsto para os vehículos clásicos e o tren turístico, que circularán pola rúa Montero Villegas, Praza Linares Rivas, avenida de Mondoñedo e avenida do Val. Outra das modificacións previstas no dispositivo afectará á rúa Riego Don Sancho, que durante a celebración da Festa da Faba terá un único sentido de circulación e permitirá o estacionamento unicamente nun dos lados da vía, co obxectivo de facilitar a circulación e mellorar a seguridade nesta zona”.

O Concello solicita á veciñanza e ás persoas visitantes que teñan en conta estas modificacións e que sigan en todo momento as indicacións dos axentes e do persoal encargado de velar pola seguridade e a mobilidade durante a festa.

A rexedora municipal tamén anuncia que “co obxectivo de facilitar o estacionamento ante a importante afluencia de visitantes prevista, estarán habilitadas distintas zonas de aparcamento. En concreto os vehículos poderán estacionar no recinto feiral, nas inmediacións do campo de fútbol municipal e nas proximidades do colexio público Juan Rey. Así mesmo habilitarase unha zona específica para autobuses na estrada de Trabada, fronte ás instalacións do recinto feiral, co obxectivo de facilitar tanto a chegada como a saída dos grupos de visitantes que se despracen en transporte colectivo”.

Outra das novidades do dispositivo será a instalación dunha carpa de Protección Civil na praza do Conde Santo, que estará atendida por persoal deste servizo e funcionará como punto de información e atención para todas aquelas persoas que o precisen durante a celebración. “A medida está especialmente orientada a facilitar a información aos visitantes, atender posibles incidencias e ofrecer un punto de referencia dentro do dispositivo especial de seguridade e coordinación previsto para esta edición”, indica a alcaldesa.

O Concello de Lourenzá agradece “a colaboración da Garda Civil, Protección Civil e de todo o persoal implicado no dispositivo, así como a comprensión da veciñanza ante as posibles modificacións e limitacións puntuais que poidan producirse na circulación e no estacionamento”. E anima tanto á veciñanza como ás persoas que se acheguen este fin de semana a Lourenzá a “respectar a sinalización, seguir as indicacións dos efectivos de seguridade e organizar os seus desprazamentos con antelación, contribuíndo así a que a 34ª Festa da Faba se desenvolva coa maior normalidade e seguridade posible”.

Lourenzá prepárase así para vivir unha nova edición da súa Festa da Faba, “cun amplo programa de actividades e coa previsión de recibir numerosos visitantes durante todo o fin de semana”, remata Rocío López.