O CONCELLO DE LOURENZÁ ORGANIZA UNHA CHARLA E UNHA MERENDA SOLIDARIA O 14 DE OUTUBRO POLO DÍA CONTRA O CANCRO DE MAMA

A alcaldesa, Rocío López, anuncia que o Concello de Lourenzá súmase á conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama, “reafirmando o seu compromiso coa prevención, a sensibilización e o apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade. O vindeiro 14 de outubro ás 17:30 horas celebrarase no Multiusos de Ponte de Cuñas unha charla informativa titulada Pautas para reducir o risco de cancro, impartida por María Amparo Vizoso García, psicóloga da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), e Rocío Fernández Alonso, traballadora da mesma entidade. Ao remate da charla terá lugar unha merenda solidaria, na que as persoas asistentes poderán gozar de manteigadas e chocolate, ao tempo que colaboran con esta causa”.

Ademais, un ano máis, o Concello de Lourenzá organizará unha recollida de donativos para a loita contra o cancro, que serán entregados integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC). E, como símbolo de apoio e solidariedade, un lazo rosa iluminará a fachada da Casa do Concello, “lembrando a importancia da prevención, da detección precoz e do acompañamento ás persoas que loitan contra esta enfermidade”.

Desde o Concello de Lourenzá animan a toda a veciñanza a participar nestas actividades e a sumarse a esta iniciativa solidaria, porque “a información, a prevención e o compromiso colectivo son fundamentais na loita contra o cancro de mama”.