O PROGRAMA VERÁN NA PRAZA ARRANCA CON ÉXITO EN LOURENZÁ COA ACTIVIDADE XOGANDO XUNTOS

O programa Verán na Praza, impulsado polo Concello de Lourenzá en colaboración co tecido asociativo do municipio, deu o seu pistoletazo de saída onte, mércores, cunha “animada xornada de convivencia e diversión para toda a familia”.

O Concello de Lourenzá explica que “a primeira actividade, Xogando Xuntos, organizada pola ANPA Juan Rey Lourenzá, reuniu no Campo dos Bolos a numerosas familias que desfrutaron dunha tarde chea de xogos de auga, probas, retos e actividades deseñadas para compartir entre pais, nais, fillos e fillas”.

Durante a xornada o Concello de Lourenzá tamén fixo entrega do Pasaporte do Verán, “unha iniciativa coa que se pretende fomentar a participación nas distintas actividades organizadas polas asociacións locais ao longo da programación estival. En cada evento, as persoas participantes poderán selar o seu pasaporte e, ao remate do verán, aquelas que completen todos os selos recibirán un agasallo como recoñecemento á súa participación”.

O Concello de Lourenzá destaca que “o excelente ambiente e a elevada participación marcaron o inicio desta programación estival, que ten como obxectivo ofrecer alternativas de lecer, cultura e participación tanto á veciñanza como ás persoas que visitan Lourenzá durante o verán”.

Ademais desde o Concello de Lourenzá agradécese “a implicación da ANPA Juan Rey Lourenzá e do conxunto das asociacións locais, cuxa colaboración resulta fundamental para facer posible un programa diverso, participativo e pensado para todas as idades”. Así mesmo anímase á veciñanza e aos visitantes “a seguir participando nas actividades que conforman esta nova edición de Verán na Praza, unha iniciativa que converte os espazos públicos en lugares de encontro, convivencia e lecer ao longo de todo o verán”.