O PROGRAMA VERÁN NA PRAZA ENCHE DE ACTIVIDADE A PRAZA DO CONDE SANTO CUNHA GRAN PARTICIPACIÓN NAS PROPOSTAS DO MÉRCORES

O Concello de Lourenzá destaca que programa Verán na Praza viviu onte, mércores, unha  xornada moi participativa na Praza do Conde Santo, “cunha excelente acollida por parte da veciñanza e das persoas visitantes. As dúas actividades programadas foron todo un éxito de participación, confirmando unha vez máis o interese que esperta esta programación estival”.

A alcaldesa, Rocío López, explica que “a primeira das propostas, A cabalo en Lourenzá, organizada pola Asociación Cabaleiros de Lourenzá, permitiu aos máis pequenos e pequenas gozar de paseos a cabalo e achegarse ao mundo ecuestre dun xeito divertido e seguro. Ademais a actividade completouse con diferentes xogos e obradoiros infantís, como o tres en raia, actividades de pintura e outras propostas lúdicas, que fixeron as delicias das familias asistentes. Pola súa banda, a Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá organizou a ruta nocturna polos contornos da vila, unha andaina que reuniu un gran número de participantes para descubrir a natureza, o patrimonio e os recunchos do municipio baixo a luz do serán. A actividade desenvolveuse nun excelente ambiente e contou tamén cunha magnífica resposta por parte do público”.

O Concello de Lourenzá agradece a todas as persoas que participaron nestas actividades e “contribuíron ao éxito da xornada. Un agradecemento moi especial á Asociación Cabaleiros de Lourenzá e á Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá polo seu traballo, implicación e dedicación na organización destas propostas. Así mesmo queremos facer extensivo este recoñecemento a todo o tecido asociativo de Lourenzá, cuxa colaboración co Concello fai posible unha programación de verán variada, participativa e pensada para todos os públicos”.

O programa Verán na Praza continúa ofrecendo actividades “para dinamizar o municipio e converter cada cita nun punto de encontro para desfrutar do verán en comunidade”.