Un responsable do Servizo Técnico de Vías e Obras da Deputación de Lugo estivo en Lourenzá onte, mércores, para ver unha serie de necesidades que afectan ás vías provinciais LUP2804 (Lourenzá-Cazolga) e LUP2801 en Sto Tomé. Na visita participaron representantes da asociación de veciños da Cazolga; a alcaldesa, Rocío López; o tenente de alcalde Javier Huertas e a concelleira Mercedes Dengra.
A alcaldesa explica que “a estrada que une o núcleo de Lourenzá co barrio da Cazolga é moi estreita e rexistra moita afluencia de tráfico pesado diariamente xa que é unha zona de alta explotación forestal, o que dificulta o tránsito cando dous vehículos se cruzan na vía. Estase estudando a posibilidade de facer cunetas de cemento para poder orillar en caso de necesidade e mellorar as condicións de seguridade da vía. Na recente visita da presidenta da Deputación, Carmela López, a Lourenzá explicámoslle in situ esta problemática e mostrouse moi colaborativa para darlle unha solución”.
Rocío López especifica que “na estrada LUP2801 as actuacións plantexadas pasan por dar solución ao inmoble situado no estreito do núcleo de Santo Tomé e poder así dar continuidade ás beirarrúas nese lado da vía. Dende a Área de Vías e Obras da Deputación xa están traballando nun estudio de viabilidade para poñer solución a estes problemas”.
“Seguimos traballando para mellorar as infraestruturas do noso rural priorizando sempre a seguridade dos cidadáns e dando resposta as súas necesidades. Dende o Concello agradecemos a colaboración do ente provincial e a súa predisposición para dar resposta as peticións de Lourenzá”, rematou a alcaldesa.
