OS DÍAS 25 E 26 DE ABRIL DISPUTARASE O II GRAN PREMIO FABA DE OURO DE TIRO OLÍMPICO, COA COLABORACIÓN DO CONCELLO DE LOURENZÁ

Esta próxima fin de semana, sábado 25 e domingo 26, disputarase o segundo Gran Premio Faba de Ouro de tiro olímpico, evento organizado polo Real Aeroclub de Tiro Olímpico de Lugo e que conta coa colaboración do Concello de Lourenzá.

Esta proba celebrarase na galería de tiro do Real Aeroclub de Lugo e reunirá a algúns dos mellores tiradores de Galicia, Asturias e Castela e León. Haberá máis de 60 participantes, dos que unha decena son veciños de Lourenzá, e “ten unha gran repercusión dentro dos campionatos de tiro en Galicia”, destaca a organización.

A entrega de trofeos farase o domingo no Pazo de Tovar (Lourenzá), onde os participantes se xuntarán nunha comida na que se degustará faba de Lourenzá. Neste acto está prevista a presenza da alcaldesa, Rocío López.

A organización da Tirada da Faba de Ouro de Lourenzá destaca o apoio do Concello de Lourenzá “pola súa contribución e cooperación con este evento e por darlle visibilidade a este deporte”. Tamén agradece a colaboración dos patrocinadores: Pazo de Tovar e a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá. 

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que o Concello colabora, unha vez máis, nesta actividade porque “todo o que sexa facer eventos que traian xente ao municipio é positivo”.