A praza do Conde Santo acolleu onte, mércores, unha nova actividade enmarcada no programa Verán na Praza, unha iniciativa impulsada por primeira vez polo Concello de Lourenzá en colaboración co tecido asociativo do municipio. Nesta ocasión a actividade estivo dedicada á seguridade viaria e reuniu a numerosos nenos e nenas, acompañados das súas familias, nunha xornada que “resultou todo un éxito de participación. Ao longo da sesión, os asistentes puideron aprender, dun xeito práctico e ameno, diferentes aspectos relacionados coa seguridade viaria, adquirindo coñecementos e hábitos que lles serán de gran utilidade no seu día a día”, explica a alcaldesa, Rocío López.
A actividade foi organizada pola Asociación Vespas Faba Clásicos de Lourenzá e contou coa colaboración do xefe da Policía Local do Concello de Foz, Jesús Amor Prieto, que “contribuíu ao desenvolvemento da xornada coa súa experiencia e coñecementos”.
O Concello de Lourenzá amosa “a súa satisfacción pola excelente acollida que está a ter o programa Verán na Praza, que está a cumprir o seu obxectivo de dinamizar a vila durante os meses de verán e ofrecer propostas de lecer para todas as idades”. E agradece “a implicación da asociación Vespa Faba Clásicos e, por extensión, de todas as asociacións de Lourenzá que están a participar nesta iniciativa, así como a colaboración de Prieto, o xefe da Policía Local do Concello de Foz, pola súa disposición para facer posible esta actividade”.
Desde o goberno municipal destacan que “é unha satisfacción ver como Lourenzá se enche de vida durante o verán, cunha programación que dinamiza o municipio e ofrece tanto á veciñanza como aos visitantes unha ampla variedade de actividades. O feito de que cada asociación organice unha proposta diferente permite que os máis pequenos poidan gozar de experiencias diversas, enriquecedoras e adaptadas a distintos intereses, convertendo Verán na Praza nun programa participativo e de gran valor para o municipio”.
