Lourenzá, 16 de xullo de 2026. O Concello de Lourenzá celebrou onte, mércores, a segunda actividade da programación Verán na Praza, unha clase interactiva de baile tradicional galego que reuniu a numerosos veciños e visitantes na Praza do Conde Santo, “converténdose nunha auténtica xornada de convivencia arredor da nosa cultura”, destaca a alcaldesa, Rocío López, que ademais explica que “durante a actividade, organizada en colaboración coa Asociación Cultural Osorio Gutiérrez, os participantes tiveron a oportunidade de iniciarse no baile tradicional, aprendendo os pasos e puntos básicos da man dos integrantes da asociación. O obradoiro desenvolveuse nun ambiente participativo e distendido, no que persoas de todas as idades compartiron a experiencia de achegarse á música e ao baile tradicional galego”.
A rexedora municipal engade que “a actividade culminou cun baile conxunto no que os participantes puideron poñer en práctica os pasos aprendidos durante o obradoiro, poñendo en valor a riqueza do noso patrimonio cultural e o espírito de participación que caracterizou toda a xornada. Ademais todas as persoas asistentes puideron conseguir o segundo selo do Pasaporte de Verán, unha iniciativa impulsada dentro da programación para premiar a participación nas distintas actividades e animar á veciñanza a seguir desfrutando da oferta cultural e de lecer durante os meses de verán”.
O Concello de Lourenzá valora moi positivamente a resposta do público e destaca “o éxito desta segunda cita do programa Verán na Praza, que continúa cumprindo o seu obxectivo de dinamizar os espazos públicos durante o verán, promovendo actividades culturais, de participación e convivencia para toda a veciñanza”.
Ademais o Concello de Lourenzá agradece “a implicación da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e de todo o tecido asociativo, así como a excelente acollida por parte dos asistentes” e anima á cidadanía a seguir participando nas próximas actividades programadas dentro de Verán na Praza.


