UN GRUPO DE SCOUTS AXUDARON AOS SERVIZOS MUNICIPAIS A MELLORAR ESPAZOS PÚBLICOS DE LOURENZÁ.

Lourenzá, 10 de xullo de 2026. Un grupo de scouts axudaron aos servizos municipais a mellorar espazos públicos de Lourenzá. Por este motivo a alcaldesa, Rocío López, explica: “desde o Concello de Lourenzá queremos expresar o noso máis sincero agradecemento ao grupo de mozos e mozas scout que durante estes días compartiu connosco unha enriquecedora experiencia de convivencia e colaboración. Ao longo da súa estancia, traballaron da man dos servizos municipais, prestando unha valiosa axuda no acondicionamento e mellora de distintos espazos públicos do noso concello. O seu esforzo, compromiso, responsabilidade e espírito de servizo son un exemplo dos valores que promove o escultismo e que tanto benefician á sociedade. Desde o Concello valoramos moi positivamente este tipo de iniciativas, que fomentan a colaboración, a convivencia, o respecto polo entorno e o compromiso coa comunidade. Actitudes como as demostradas por todo o grupo son dignas de recoñecemento e agradecemento”.

O Concello de Lourenzá engade: “agardamos que esta experiencia fose tan satisfactoria para eles como o foi para nós e confiamos en poder volver contar coa súa colaboración no vindeiro ano, reforzando unha relación que, sen dúbida, resulta moi positiva para todas as partes. Moitas grazas polo voso traballo, pola vosa dedicación e polo exemplo que deixastes en Lourenzá”.