O programa Verán na Praza, impulsado polo Concello de Lourenzá, continúa esta semana cunha nova proposta “pensada para gozar do verán, facer actividade física e compartir un bo momento en comunidade”. Este mércores, día 19 de agosto, ás 20:00 horas, a Praza do Conde Santo acollerá unha sesión de zumba ao aire libre, “unha actividade dinámica e divertida aberta a todos os públicos”, anuncia a alcaldesa, Rocío López García.
O Concello de Lourenzá explica que “baixo o lema Baila, desfruta e sente a enerxía!, a proposta combina música, movemento e exercicio físico nun ambiente ao aire libre, convidando á veciñanza e ás persoas que visitan o municipio a participar e desfrutar dunha tarde diferente. Non é necesario ter experiencia previa: a actividade está pensada para todos os públicos e permite participar ao ritmo de cada persoa”.
Desde o Concello de Lourenzá animan á veciñanza a sumarse a esta iniciativa e a aproveitar as actividades do Verán na Praza, “un programa que aposta pola música, a cultura, a tradición e a participación como elementos de encontro e convivencia”.
O Concello de Lourenzá agradece especialmente ao Grupo de Zumba de Lourenzá a organización desta actividade e a súa implicación “para contribuír a dinamizar o verán e fomentar hábitos de vida activa entre a veciñanza”. E anima a participar: “ven, móvete e pásao ben!”.