Novas

Novas do Concello

A Concellería de Educación organiza un obradoiro de baile moderno e hip hop. A primeira sesión será para nenos de 6 a 12 anos no colexio Juan Rey o vindeiro luns e a actividade ampliarase a rapaces de ata 24 anos na Semana Santa

Lourenzá, 8 de marzo de 2013. A Concellería de Educación de Lourenzá oferta unha actividade baseada no baile moderno e no hip hop, que “está encamiñada a nenos dende os 6 anos e a rapaces de ata 24”, anunciou a concelleira Lupe Flórez Seivane, que explicou que “este vindeiro luns, día 11 de marzo, vai ter lugar a primeira experiencia desta actividade no Ceip Juan Rey. Ao longo de toda a mañá en grupos de distintas idades os nenos de Primaria poderán achegarse ao mundo do baile moderno e concretamente do hip hop”.

A alcaldesa participou hoxe na solta de mil alevíns de salmón que a Consellería de Medio Ambiente levou a cabo no río Masma, dende a área recreativa de A Cazolga

Lourenzá, 6 de marzo de 2013. Na mañá de hoxe, mércores, a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, e o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Reigosa, participaron xunto co director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, e outros responsables da Consellería de Medio Ambiente na primeira solta de alevíns de salmón que se realiza este ano na provincia de Lugo.

A Alcaldesa analizou coa Directora Xeral de Patrimonio Cultural os problemas que ocasiona o Camiño Norte na parroquia de San Xorxe e a necesidade de arranxar a fachada da igrexa do Mosteiro de San Salvador

Lourenzá, 5 de marzo de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, reuniuse en Santiago coa directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Insua, e analizaron os problemas que ocasiona a variante do Camiño Norte aos propietarios de montes no lugar de San Lourenzo, pertencente á parroquia de San Xorxe. Tamén falaron do compromiso da Xunta para arranxar a fachada da igrexa do mosteiro de San Salvador.

O presidente de Augas de Galicia comunicoulle hoxe á alcaldesa que este ente autonómico arranxará a ponte do Camiño A, en Sendín, cando baixe o caudal do río Batán

Lourenzá, 1 de marzo de 2013. Na mañá de hoxe o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, comunicoulle á alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, que os técnicos dese departamento autonómico están pendentes de que baixe o caudal no río Batán ao seu paso por Sendín para poder acometer as obras de arranxo da ponte que atravesa a estrada coñecida como Camiño A. Ese vial resultou danado como consecuencia dos temporais de choiva que houbo no pasado mes de xaneiro.

A alcaldesa viaxou a Santiago para traballar na modificación do escudo municipal para adaptalo á normativa, e presentou na Xunta unha proposta para instalar un ascensor na casa do concello

Lourenzá, 26 de febreiro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, e a técnica de Cultura municipal, María José López Noceda, reuníronse en Santiago co director xeral de Administración Local da Xunta, Norberto Uzal, e con membros do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, entre os que se atopaba o seu director, Eduardo Pardo de Guevara.

Distribuir contido