CONVOCATORIA DE ASAMBLEA XERAL ORDINARIA DA ASOCIACIÓN DE SENDEIRISMO TERRAS DE LOURENZÁ

Ismail Itrih, alumno de 5 anos de idade do CEIP Juan Rey de Lourenzá, foi elixido o pasado venres, 12 de decembro, gañador do I Certame de Postais de Nadal. Un xurado formado por directivos da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá así como por persoal da área de Cultura do Concello e polo director do colexio Juan Rey foi o encargado de valorar os traballos entregados nesta primeira edición do concurso.
O Concello de Lourenzá organiza para o vindeiro martes, 16 de decembro, unha charla sobre reciclaxe e protección do medio ambiente baixo o título Separemos ben, reciclaremos mellor. Non rompas o esforzo de todos. A actividade levarase a cabo ás 20:00 horas no salón de actos da Casa do Concello e contará coa presenza de técnicos de SOGAMA. Con esta iniciativa o Concello espera concienciar aos veciños sobre como reciclar correctamente cada produto de cara ao aumento de consumo que traen consigo as compras de Nadal.
Os Servizos Sociais do Concello de Lourenzá puxeron en marcha a recollida de xoguetes para este Nadal 2014, en colaboración coa Cruz Vermella. Os veciños poderán facer as súas doazóns no Torreón dos Frades ata o venres 19 de decembro, día no que rematará esta campaña cunha chocolatada no CEIP Juan Rey.
Lourenzá acollerá os Días de Viños e Tapas este fin de semana, concretamente o venres 12 e o sábado 13, e o Mercado de Nadal celebrarase no mercado gandeiro os días 20 e 21 cunha trintena de postos. Estes dous eventos están organizados pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL) e contan coa colaboración do Concello de Lourenzá.