O GOBERNO DE ESPAÑA DESTINA 2,86 MILLÓNS DE EUROS PARA A REHABILITACIÓN DO MOSTEIRO DE SAN SALVADOR, DE LOURENZÁ

O Goberno de España, a través do Programa 2% Cultural, deu luz verde ao proxecto de rehabilitación do Mosteiro de San Salvador, de Lourenzá, cunha achega de 2,86 millóns de euros.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, considera que é “sen dúbida, unha moi boa noticia para o noso concello e, sobre todo, para todos os veciños e veciñas de Lourenzá. Estamos ante un proxecto de enorme importancia para o municipio, que permitirá avanzar na recuperación e posta en valor dun dos conxuntos arquitectónicos máis importantes e emblemáticos da nosa vila. Unha actuación que non só contribuirá a conservar o noso patrimonio histórico senón que tamén abrirá novas posibilidades para dotar o mosteiro de usos e actividades, dinamizar a vila e impulsar o seu atractivo cultural e turístico”.

A rexedora municipal lembra que “é un proxecto polo que levamos moito tempo traballando e cuxa aprobación levabamos tamén moito tempo agardando. Por iso hoxe recibimos esta noticia con especial satisfacción: por fin podemos celebrar un paso tan importante para o presente e o futuro de Vilanova de Lourenzá. Un paso fundamental para recuperar o noso patrimonio, xerar novas oportunidades e seguir construíndo o futuro de Lourenzá. Seguimos traballando pola nosa vila”.

Rocío López destaca que esta actuación tamén será moi importante para o conxunto da Mariña porque “vai permitir recuperar unha das grandes xoias arquitectónicas da comarca e incluso da provincia”. E recorda que para a rehabilitación do mosteiro de San Salvador “hai un convenio asinado entre o Bispado de Mondoñedo-Ferrol e o Concello de Lourenzá cunha vixencia de 50 anos, o que permite o uso público do inmoble”.