Novas

Novas do Concello

A VECIÑA DA CAZOLGA JOSEFA PARDEIRO GONZÁLEZ CELEBROU O SEU CENTENARIO ACOMPAÑADA DA SÚA FAMILIA

A veciña do barrio laurentino da Cazolga Josefa Pardeiro González celebrou que cumpriu 100 anos na súa casa, acompañada de 40 persoas da súa familia. Ten 4 fillos, 4 netos, 6 bisnetos e 5 irmáns vivos dos 9 que foron.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que “foi un día inesquecible para ela, xornada na que xuntou a todos os seus achegados. Josefa vive na Cazolga cun fillo e goza de moi boa saúde e memoria”.

VI CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO “CONCELLO DE LOURENZÁ” 2024

A Concellería de Cultura do Concello de Lourenzá convoca o VI CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO “CONCELLO DE LOURENZÁ”. Poderán participar unicamente compañías ou grupos de teatro afeccionado e que superen un proceso previo de selección, admitíndose calquera tipo de xénero e empregando preferentemente a lingua galega en calquera das súas variantes dialectais. Os grupos interesados en participar deberán inscribirse nas oficinas municipais do Concello de Lourenzá ou por correo.

LOURENZÁ ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN SOBRE OS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN NAZIS, QUE PODERÁ VISITARSE ATA FINAIS DESTE MES.

Lourenzá, 22 de xuño de 2024. A Sala de Exposicións do Concello de Lourenzá alberga unha mostra sobre os campos de concentración nazis, que pode visitarse de luns a venres en horario de cinco a sete da tarde ata finais deste mes. Foi presentada pola alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; Vidal Martínez-Sierra, directivo da asociación Patrimonio Laurentino; e Miguel Freire, membro da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica e un dos autores da exposición.

O TRADICIONAL DESFILE DE ENTROIDO CAMBIASE PARA O 25 DE FEBREIRO PORQUE O DOMINGO DE PIÑATA COINCIDE COAS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS

O Concello e a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL) anuncian que “o tradicional desfile de Domingo de Piñata de Lourenzá trasládase para o 25 de febreiro, con carácter excepcional. Este cambio na data ven motivado pola celebración das eleccións autonómicas que terán lugar o 18 de febreiro, coa finalidade de garantir un bo funcionamento de ambas xornadas. Esta modificación só afectará a este ano e nos vindeiros seguirá celebrándose na súa data habitual, igual que sempre”.

Distribuir contido