Novas

Novas do Concello

A XXXIV FESTA DA FABA DE LOURENZÁ CELEBRARASE DO 2 AO 4 DE OUTUBRO E SERÁ PREGOADA POR JOSÉ CUADRADO

Lourenzá, 24 de setembro de 2026. A XXXIV Festa da Faba de Lourenzá celebrarase do 2 ao 4 de outubro e será pregoada por José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá. Será o sábado 3 ás 12:00 horas.

Pero as actividades xa comezarán o venres: ás 20:00 horas haberá unha cata de viño comentada a cargo da adega Triay (D.O. Monterrei) no claustro do mosteiro; e desde ás 21:00 horas, verbena coa actuación de Toxo Guayaba e The Sound Project, no Campo dos bolos.

O CONCELLO DE LOURENZÁ ORGANIZA UNHA FESTA PARA CELEBRAR O FINAL DO PROGRAMA VERÁN NA PRAZA ESTE VENRES, 18 DE SETEMBRO

O Concello de Lourenzá organiza unha festa para celebrar o remate do programa Verán na Praza. Será este venres, día 18 de setembro, ás 17:00 horas na Praza do Conde Santo.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, anuncia que “haberá Festa Holi, con cor música e moita diversión; merenda para tod@s, entrega de diplomas e moitas sorpresas e momentos especiais”.

O MAGO ANTÓN ACTUARÁ EN LOURENZÁ ESTE XOVES, 27 DE AGOSTO, DENTRO DO PROGRAMA VERÁN NA PRAZA.

Lourenzá, 24 de agosto de 2026. Este xoves, día 27 de agosto, dentro do programa Verán na Praza, volve a Lourenzá o Mago Antón, que chegará coa súa xira 50, coa que celebra os seus cincuenta anos de carreira artística. Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo.

LOURENZÁ VIVIU UNHA TARDE DE ZUMBA AO AIRE LIBRE CON GRAN PARTICIPACIÓN NA PRAZA DO CONDE SANTO

A Praza do Conde Santo, de Lourenzá, acolleu onte, mércores, unha actividade de zumba ao aire libre que “reuniu a numerosas persoas de todas as idades, nunha tarde festiva, deportiva e de convivencia”, explica a alcaldesa, Rocío López García, que engade: “nenos, maiores e participantes habituais das clases de zumba sumáronse á proposta e encheron a praza de música, movemento e diversión. Durante a actividade os asistentes puideron aprender e practicar diferentes pasos e coreografías, gozando dunha sesión aberta e participativa.

LOURENZÁ ACOLLE DO 20 AO 26 DE AGOSTO O X FESTIVAL INTERNACIONAL DE CONTACT IMPROVISACIÓN

Lourenzá converterase entre os días 20 e 26 de agosto nun punto de encontro para persoas interesadas na danza, o movemento e o contact improvisación coa celebración do X Festival Internacional de Contact Improvisación, unha proposta cultural que chega por primeira vez á localidade para achegar ao público unha disciplina baseada na improvisación, o contacto corporal, a escoita e o movemento compartido, anuncia a alcaldesa, Rocío López García.

EN LOURENZÁ A FESTA NA PISCINA MUNICIPAL E A PRESENTACIÓN DO LIBRO DE MANUEL CANOSA, ACTIVIDADES DO PROGRAMA VERÁN NA PRAZA, CONTARON CON MOITA PARTICIPACIÓN

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, destaca o éxito de participación nas actividades do programa Verán na Praza celebradas a pasada fin de semana: a festa na piscina municipal, que houbo o venres, e a presentación do libro titulado Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela. Estudo histórico, análise e colección de documentos, escrito polo investigador e autor Manuel Canosa Trillo, evento que tivo lugar no salón de actos do Concello o sábado.

A ZUMBA AO AIRE LIBRE PROTAGONIZARÁ ESTE MÉRCORES, 19 DE AGOSTO, O VERÁN NA PRAZA EN LOURENZÁ

O programa Verán na Praza, impulsado polo Concello de Lourenzá, continúa esta semana cunha nova proposta “pensada para gozar do verán, facer actividade física e compartir un bo momento en comunidade”. Este mércores, día 19 de agosto, ás 20:00 horas, a Praza do Conde Santo acollerá unha sesión de zumba ao aire libre, “unha actividade dinámica e divertida aberta a todos os públicos”, anuncia a alcaldesa, Rocío López García.

Distribuir contido