A ALCALDESA ACEPTA A COLABORACIÓN DA DEPUTACIÓN DE LUGO PARA A FESTA DA FABA DESPOIS DAS CONVERSAS MANTIDAS NAS ÚLTIMAS HORAS CO DEPUTADO ÁLVARO SANTOS

Lourenzá, 20 de setembro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, aceptou a colaboración ofrecida pola Deputación de Lugo, que non inclúe achega económica, para a vindeira edición da Festa da Faba, que se celebrará do 4 ao 6 de outubro. A rexedora tomou esta decisión despois das conversas telefónicas que mantivo nas últimas horas co deputado delegado da Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos. Pero Emma Álvarez mantén que as axudas económicas do organismo provincial para os diferentes eventos deberían ser equitativas.

“Por conversa telefónica co deputado delegado a Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, acabamos de concretar a axuda que a Deputación de Lugo vai facer para a Festa da Faba. Como xa dixen onte poñían á nosa disposición a Fundación TIC e desde o Concello aceptamos e vamos contar con ela para divulgar a Festa da Faba e ademais prometéronnos que nos van facer un DVD promocional do festexo que nos servirá para utilizar en anos sucesivos. Tamén aceptamos o programa Lugoteando; e a verdade é que Álvaro Santos fixo un esforzo para que puidera cadrar dentro do programa que nós temos feito para a Festa da Faba”, explicou a alcaldesa, quen engadiu que “polo tanto a colaboración que vamos ter da Deputación de Lugo vai ser a través da Fundación TIC e tamén cun programa de xogos medioambientais para nenos, que vai ser o domingo de 12 a 7 da tarde”.

Pero a rexedora municipal de Lourenzá aclarou que “isto non quita que teña que dicir que me gustaría que foran equitativas as axudas de achega económica que dende a Deputación se fan ás distintas festas de interese turístico galego ou ás que non teñen esta distinción; é dicir, que foran un pouquiño máis equitativos á hora de repartir o diñeiro de todos os lucenses”.