O CAMPO DE ADESTRAMENTO DE SANTA CRUZ SERÁ ACONDICIONADO POLO CONCELLO COA AXUDA DA XUNTA A TRAVÉS DUN CONVENIO QUE FOI APROBADO HOXE POLA COMISIÓN DE GOBERNO MUNICIPAL. A ALCALDESA LAMENTA A FALTA DE APOIO DA DEPUTACIÓN DE LUGO PARA ESTA OBRA

Lourenzá, 26 de setembro de 2013. O campo de adestramento de Santa Cruz será acondicionado polo Concello de Lourenzá coa axuda da Xunta de Galicia a través dun convenio que foi aprobado hoxe pola comisión de goberno municipal. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, lamenta a falta de apoio da Deputación de Lugo para esta obra.

O Concello asinará o convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte “para cooperar no acondicionamento do campo de adestramento de Santa Cruz. Neste caso a Xunta aporta 10.000 euros e o Concello vai poñer 15.448,63 euros dun préstamo que tíñamos pedido xa dende hai varios anos. É unha mágoa que neste caso non tivéramos o apoio da Deputación de Lugo, xa que o noso veciño Antonio Veiga, o vicepresidente primeiro da Deputación, que leva a Área de Deporte, nin tan sequera tivo a ben recibirme para escoitar as propostas que lle tíñamos que facer. Nós, dende o Concello de Lourenzá, o que queremos é o mesmo trato que se lle dá a outros concellos. E sobre todo cando vemos na prensa noticias como a de hoxe, porque se lle dá a un concello limítrofe 180.000 euros para fixar poboación. Paréceme que é discriminatorio e que se están a distribuír os cartos de todos os lucenses de forma sectaria, atendendo a cores políticas”, manifestou a rexedora municipal.

Emma Álvarez explicou ademais que “tamén aprobamos asinar un convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas para mellorar as beirarrúas dos accesos ao Ceip Juan Rey por importe de 5.895,74 euros. Iso vai engadido a un convenio anterior que tiñamos asinado xa para arranxar a avenida de Soutelo, que pasaba dos 60.000 euros”.

E para rematar a alcaldesa anunciou que a comisión de goberno acordou hoxe que “como ven sendo habitual, o Concello de Lourenzá vai ter como festivos locais no ano 2014 o martes de Carnaval, que coincide o 4 de marzo, e o luns do Conde Santo, que é o día 1 de setembro”.