O CONCELLO EMPEZARÁ OS TRÁMITES PARA SOLICITAR A RECUPERACIÓN OFICIAL DO TOPÓNIMO CANEDO DESPOIS DE ACORDARSE POR UNANIMIDADE NA REUNIÓN VECIÑAL CELEBRADA ONTE

Lourenzá, 15 de xullo de 2013. O Concello de Lourenzá empezará os trámites para solicitar ao Instituto Nacional de Estadística (INE) a recuperación oficial do topónimo Canedo, despois de acordarse por unanimidade na reunión veciñal celebrada onte. Anunciouno hoxe a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, quen tamén comentou que algúns dos asistentes a esa xuntanza aproveitaron para pedir información sobre a liña eléctrica Boimente-Pesoz, que pasará por esa zona. Por este motivo a rexedora xa está organizando unha charla sobre ese asunto, acto público que se celebrará este mes.

Emma Álvarez explicou que “no campo da festa de Canedo tivemos onte unha xuntanza promovida polas asociacións de veciños de San Adriano e de Santo Tomé para falar cos residentes nas dúas parroquias que pertencen ó antigo termo de Canedo, denominación que no nomenclátor está desaparecido dende o ano 1996. A idea é recuperar este termo, máis que nada porque Canedo é un dos topónimos máis antigos que ten o concello. E sobre todo agora que estamos a rehabilitar o Pazo de Tovar, situado no coto de Canedo, ten unha especial importancia o termo, posto que está intimamente ligado á historia deste pazo. Na reunión había veciños de Canedo, tanto da parroquia de Santo Tomé como da de San Adriano, e por unanimidade de tódolos presentes tomouse o acordo de iniciar os trámites para recuperar este nome”.

A alcaldesa engadiu que “primeiramente hai que facer unha delimitación dos lugares, que pasarán a ser vías; posteriormente terá que aprobarse no pleno da corporación municipal e para rematar, enviar a solicitude ó Instituto Nacional de Estadística para que sexa aprobada. No día de onte repartimos uns planos cos distintos barrios que no Concello figuran dentro do territorio que pasaría agora a ser lugar de Canedo e os veciños tratarán entre eles de ver os erros que pode haber neses planos, como poden ser os números das casas ou incluso que algunha das vivendas a teñamos localizada nun lugar que pertence a outro dentro do mesmo Canedo”.

Por outra parte, na xuntanza veciñal de onte en Canedo tamén saíu a relucir a liña eléctrica Boimente-Pesoz, que pasará por esa zona. A rexedora comentou que “é un tema que preocupa bastante ós veciños, non só de Canedo, senón tamén ós doutros lugares do concello”. Por iso anunciou que “dentro das charlas que todos os meses estamos a organizar no Concello, propuxeron facer unha sobre a liña Boimente-Pesoz para que alguén de Red Eléctrica veña explicar o paso da liña e como se ven afectados os titulares dos terreos por onde discorrerá. Xa me puxen en contacto con membros de Red Eléctrica e antes de que remate o mes faremos esta reunión que será aberta a todos os veciños de Lourenzá”.