AS ACTIVIDADES DO ANO DEDICADO A FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO REMATARÁN O VINDEIRO MARTES, DÍA 26, COA INAUGURACIÓN DUNHA EXPOSICIÓN E UNHA LOA A DON PACO A CARGO DO SECRETARIO XERAL DE CULTURA DA XUNTA, ANXO LORENZO

Lourenzá, 19 de novembro de 2013. As actividades do ano dedicado polo Concello de Lourenzá a Francisco Fernández del Riego rematarán o vindeiro martes, día 26, coa inauguración dunha exposición e unha loa a don Paco diante do seu busto a cargo do secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo.

A concelleira delegada de Cultura, Lupe Flórez Seivane, presentou hoxe ese acto que “suporá o peche ao ano que dedicamos á lembranza da figura de Francisco Fernández del Riego, un dos laurentinos máis ilustres e fillo predilecto do noso concello dende o 2001”. Lembrou que as actividades “comezaron o día 7 de xaneiro conmemorando a data do seu nacemento, continuaron nas datas significativas do 17 de maio, Día das Letras Galegas; o 25 de xullo, para conmemorar o Día de Galicia; e finalmente neste mesmo mes de novembro, o día 2, lembramos o seu nomeamento como fillo predilecto”.

Lupe Flórez anunciou que “este vindeiro martes, 26 de novembro, vai supoñer o broche final ás actividades deste ano no que viñemos conmemorando a figura dun ilustre galeguista e recoñecido no mundo da cultura e das letras. O acto terá lugar a partir das sete e media da tarde cando a alcaldesa dará a benvida aos asistentes no salón de actos da Casa do Concello. Posteriormente trasladarémonos a sala de exposicións da Casa da Cultura e arredor das oito menos cuarto terá lugar o acto de inauguración da mostra titulada 100 anos de Del Riego, unha exposición da cal somos comisarios Manuel Román Ramos, que é un historiador e gran coñecedor da figura de Francisco Fernández del Riego, e eu mesma, como concelleira de Cultura. É unha mostra coa que tratamos de lembrar as visións e a pegada que Francisco Fernández del Riego deixou en distintas figuras da nosa cultura e que está composta por unha serie de paneis con caricaturas de distintos autores alusivas á figura de Del Riego e, por outra banda, unha selección de textos tanto narrativos como poéticos onde cada un dos autores seleccionados deixa a súa idea do que supuxo ou supón o legado de Francisco Fernández del Riego para o mundo do galeguismo, da cultura e académico en Galicia”.

A edil de Cultura rematou explicando que “arredor das oito e cuarto da tarde está previsto que diante do busto que está colocado na Praza do Conde Santo o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, realice unha loa á figura de Francisco Fernández del Riego. E este acto será o que supoña o peche deste ano dedicado a Fernández del Riego. Farase diante do busto de don Paco sempre e cando as condicións climatolóxicas o permitan. Se non sería trasladado ao salón de actos da Casa do Concello”.

Declaracións da concelleira de Cultura de Lourenzá, Lupe Flórez (MP3)