Datos Xerais

Situación Xeográfica

Mapa

     Este Concello sitúase na comarca da Mariña Central, no Norte da provincia de Lugo. Limita ao Norte co Concello de Foz, ao Sur co de Riotorto, ao Leste cos de Trabada e Barreiros e, ao Oeste, co de Mondoñedo, distando uns 10 quilómetros, en liña recta, da costa Cantábrica.
     Está formado por catro parroquias: Santa María, San Xurxo, San Tomé e Santo Adrao. Estas tres últimas conforman o Val de Lourenzá.
     Este Val posúe unhas características idóneas para a produción hortícola que, nos últimos tempos, se viu desenvolvida coa plantación masiva de faba.

     O seu clima, dada a proximidade á costa cantábrica, destaca pola suavidade térmica e a alta humidade ambiental. As temperaturas medias anuais sitúanse arredor dos 13 ºC, as medias invernais son duns 8 ºC e as estivais de, aproximadamente, 19 ºC.
     Na dirección Suroeste-Noroeste discorre o río Baos, dende o seu nacemento no municipio de Mondoñedo, ata Mazúa (San Xurxo), onde se lle une o seu afluente o río Batán, que nace no termo municipal de Riotorto. E dende Mazúa segue o Baos o seu curso cara ao Noroeste, ata a súa confluencia co Masma, xa na parroquia de Santa María.

 

Demografía 

Tabla
     Segundo datos do padrón Municipal (1 de Xaneiro 2006) a poboación é de 2633 habitantes, dos cales 1312 son homes e 1365 son mulleres.

     A densidade poboacional é de 43,89 habitantes por quilómetro cadrado, densidade superior á media provincial, que se cifra en 36,41 habitantes por quilómetro cadrado, pero moi inferior a media galega, cifrada en 93 habitantes por qulómetro cadrado.

     A estrutura por idade móstranos unha gran cantidade de persoas maiores de 65 anos, fronte a unha preocupante minoría de mozos menores de 15 anos.

 

 

Sectores Produtivos

Mapa
      O sector da madeira é fundamental neste concello, debido a que xera moitos postos de traballo. O Concello conta con empresas que completan todo o ciclo de produción da madeira, dende a corta, ata a súa conversión en mobles e útiles de madeira.

      Outro sector importante é a industria da pedra. O Concello conta con diversas canteiras e empresas que transforman a pedra para a súa posterior venda.
      Destaca tamén o sector da construción, que sufriu un grande auxe, sobre todo nos últimos anos, xa que neste sector podemos incluír, á parte das propias empresas de construción, electricistas, fontaneiros e un longo etcétera, que se relacionan co dito sector.

      Por último, salientamos o incremento do cultivo da faba e productos de horta, que cada vez teñen máis saída no mercado, grazas á súa excelente calidade, o que coloca a Lourenzá nunha situación privilexiada en canto a agricultura se refire.