Novas

COMEZAN ESTA FIN DE SEMANA AS REPRESENTACIÓNS DO VIII CERTAME DE TEATRO CONCELLO DE LOURENZÁ.

Lourenzá, 27 de outubro de 2026. Comezan esta fin de semana as representacións do VIII Certame de Teatro Concello de Lourenzá, para o que foron seleccionadas oito obras doutros tantos grupos. Todas as actuacións serán no Multiusos Ponte de Cuñas.

Este sábado, día 31 de outubro, ás 20:30 horas o grupo Trípode, de Alfoz, representará a obra Desequilibrados. E o domingo, 1 de novembro, ás 20:00 horas Pico do Castro, de Foz, porá en escena Trato a cegas.

LOURENZÁ CELEBRARÁ ESTE DOMINGO, 25 DE OUTUBRO, A SEXTA EDICIÓN DA SÚA FEIRA DO CABALO

Lourenzá acollerá este domingo, día 25 de outubro, a sexta edición da Feira do Cabalo, “unha cita que, ano tras ano, foi gañando protagonismo ata converterse nunha das celebracións de referencia do calendario festivo local. O evento está organizado polo Concello de Lourenzá coa colaboración da Asociación de Cabaleiros de Lourenzá, unha entidade que desempeña un papel fundamental no impulso e na consolidación desta iniciativa”, anuncia a alcaldesa, Rocío López.

PARA CONMEMORAR O DÍA CONTRA O CANCRO DE MAMA LOURENZÁ CELEBROU UNHA CHARLA E UNHA MERENDA SOLIDARIA

Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama o pasado mércores, 14 de outubro, celebrouse en Lourenzá unha charla informativa coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC), seguida dunha merenda solidaria.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.

ABERTA A INSCRICIÓN PARA INSTALAR UN POSTO NO MERCADIÑO DE NADAL DE LOURENZÁ, QUE SERÁ O 20 DE DECEMBRO

O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López.

O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.

O CONCELLO DE LOURENZÁ ORGANIZA UNHA CHARLA E UNHA MERENDA SOLIDARIA O 14 DE OUTUBRO POLO DÍA CONTRA O CANCRO DE MAMA

A alcaldesa, Rocío López, anuncia que o Concello de Lourenzá súmase á conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama, “reafirmando o seu compromiso coa prevención, a sensibilización e o apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade. O vindeiro 14 de outubro ás 17:30 horas celebrarase no Multiusos de Ponte de Cuñas unha charla informativa titulada Pautas para reducir o risco de cancro, impartida por María Amparo Vizoso García, psicóloga da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), e Rocío Fernández Alonso, traballadora da mesma entidade.