A ASOCIACIÓN CONDE SANTO ORGANIZA AS FESTAS DE SAN MARCIAL, QUE COINCIDEN COA CELEBRACIÓN DA XXIV FESTA DA FABA

A asociación Conde Santo organiza o programa de festas do San Marcial 2014. Os festexos terán lugar o vindeiro fin de semana no municipio laurentino e, coma en anos anteriores, coincidirán coa celebración da Festa da Faba. Entre os actos programados para este San Marcial atópanse a celebración de dúas sesións vermú, o sábado 4 e o domingo 5 de outubro, e unha verbena na noite do sábado a cargo da orquestra Bluestar e do dúo Epo-K.

Encarna López, portavoz da asociación laurentina Conde Santo, explicou que “o San Marcial é unha festa que se celebra aquí en Lourenzá dende preto dos anos 60. Ao principio tiña un carácter de feira de gando, pero actualmente perdeu ese sentido e simplemente é unha festa de pobo con orquestras e demais. Dende que a Festa da Faba se declarou de interese turístico faise nas mesmas datas, porque non ten sentido facer dous fins de semana seguidos de festa no pobo. Por iso facemos coincidir o San Marcial coa Festa da Faba. Nós, dende a asociación, do que nos encargamos é da organización do San Marcial: o tema de orquestras, atraccións, barracas e todo iso. Temos para o sábado programadas as actuacións da orquestra Bluestar e do dúo Epo-K, tanto ao mediodía como á noite, e o domingo contaremos tamén cunha sesión vermú a cargo do dúo Epo-K”.