A AULA DA NATUREZA ACOLLE ATA O VINDEIRO LUNS UNHA EXPOSICIÓN SOBRE A LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO ORGANIZADA POLA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE. FOI INAUGURADA ONTE POLA ALCALDESA COA ASISTENCIA DE PROFESORES E ALUMNOS DO COLEXIO JUAN REY

Lourenzá, 7 de novembro de 2013. A Aula da Natureza de Lourenzá acolle ata o vindeiro luns unha exposición sobre a loita contra o cambio climático promovida pola Consellería de Medio Ambiente. Foi inaugurada onte pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao, coa asistencia de profesores e alumnos do colexio Juan Rey.

Os escolares de quinto e sexto de Primaria do CEIP Juan Rey, que visitaron onte a mostra xunto con tres profesores do centro, “contaron cun técnico de medio ambiente para durante hora e media sensibilizalos, a través do xogo e da proxección dun vídeo, sobre este tema tan preocupante se o miramos máis aló do presente, xa que de nós e do que eles poidan aportar dependerá o que se encontren as xeracións futuras”, explicou a rexedora municipal de Lourenzá.

Esta exposición pode visitarse en horario de 9 a 13 horas e de 17 a 20 avisando previamente nas dependencias municipais, se é polas mañás, e na biblioteca, se é polas tardes, ou chamando ao teléfono 982.12.10.06.

A mostra, que se titula O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción, está organizada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O obxectivo é sensibilizar e fomentar a participación da cidadanía no desenvolvemento de medidas efectivas para a loita contra os efectos do cambio climático.

A exposición consta de dez paneis con diversas mensaxes e contidos informativos e sensibilizadores respecto do fenómeno do cambio climático; un audiovisual titulado O cambio climático, o reto do século XXI sobre os efectos actuais e previstos do cambio climático, que conta coa opinión de destacados expertos; e o módulo denominado E mais eu , cantas emisións podo evitar, que consta dunha bicicleta e un ordenador e serve como exemplo das solucións a nivel individual e local para reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera.