CAMBIOS NO TRÁFICO CO DESFILE DE ENTROIDO DO DOMINGO

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, fixo público un bando para informar dos cambios no tráfico ocasionados polo desfile de Entroido que se celebrará este domingo en Vilanova con 4.675 euros en premios.
A rexedora municipal explica no bando que “con motivo da celebración do Domingo de Piñata neste concello o domingo 9 de marzo  de 2014 permanecerán cortadas ó tráfico dende ás 16 horas ata o remate do desfile as seguintes rúas:  Ponte de Cuñas dende a saída do mercado comarcal gandeiro, Avenida do Val, Avenida de Mondoñedo dende o cruce con Rego Vilazo, Travesía da Mariña, Julia Minguillón, Avelino Montero Villegas, Doctor Rubiños, Rego Vilazo, Obispo Villarroel, Paseo de Oya, Secretario Luis Iglesias, As Plazas e Francisco Fernández del Riego”.
Emma Álvarez engade que “prohíbese aparcar a partir das 12 horas nas mencionadas rúas e en Casas Novoa e Praza Linares Rivas. Tamén se informa que a parada de autobuses durante esta xornada trasládase ata a Praza  Julia Minguillón (xunto ó bar Cabaleiros). Así mesmo ese día quedarán cortadas  ó tráfico as estradas seguintes: Lourenzá a Trabada ó seu paso por Vilanova ata a pista que vai á Teixeira, por onde se desviará o tráfico dende a Pena e logo discorrerá por detrás do mercado comarcal gandeiro e sairá á pista da Tilleira, accedendo de novo á vila pola rúa Casas Novoa; e Paraxes - Lourenzá  dende Vilanova ó lugar de A Pena, co desvío correspondente”.
Ademais a alcaldesa destacou que no desfile de Entroido “haberá 4.675 euros para premios, dos cales 3.375 son para adultos (comparsas, charangas, carrozas, grupos, parellas e individuais) e 1.250 euros para infantís. Ademais hai un premio especial para o máis chistoso de 50 euros. Este ano cambiamos o percorrido para facer un que cremos que é máis vistoso e ao mesmo tempo axudaranos a solucionar o pequeno embotellamento que se facía todos os anos cando a cabeza do desfile se xuntaba co resto dos participantes que aínda estaban percorrendo as rúas. Con este cambio a maiores das rúas polas que se pasaba anteriormente tamén se vai pasar por Muíño do Frade e Francisco Fernández del Riego. A inscrición para participar no desfile deberá facerse no recinto feiral dende as doce do mediodía ata as tres da tarde. Os que desfilen sen dorsal non serán puntuados. Os premios do desfile entregaranse na Praza do Conde Santo e os gañadores terán que levar o disfrace para recollelos e se non é posible deben ir polo menos co dorsal. Unha vez rematado o desfile o dúo Diamantes amenizará a festa ata a entrega de premios e continuará posteriormente”.
Álvarez Chao rematou animando á xente a “que se pase por Lourenzá, posto que ademais o domingo durante toda a mañá hai mercado con postos de pulpo e churrasco, nos que a xente que veña poderá comer e tamén nos restaurantes do pobo. Cremos que vai haber un número importante de xente en Lourenzá posto que as posibilidades de choiva son mínimas, un 10 por cento, e prevense unhas temperaturas agradables, que oscilarán entre os 9 graos de mínima e os 21 de máxima”.