ESTE VENRES REMATA O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NA EXCURSIÓN AO PARQUE ACUÁTICO DE CERCEDA, QUE SE LEVARÁ A CABO O 8 DE AGOSTO

Lourenzá, 29 de xullo de 2014. O prazo de inscrición para participar na excursión ao parque acuático de Cerceda organizada polo Concello de Lourenzá remata este venres, día 1 de agosto. A actividade, que se levará a cabo o 8 de agosto, está dirixida a nenos e nenas de máis de seis anos e as inscricións recóllense na Casa do Concello en horario de mañá, de 08 a 15 horas, e na Biblioteca Municipal pola tarde, de 17 a 20 horas.

A concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, recordou que “unha das actividades estrela de cada verán organizada polo Concello de Lourenzá é esta visita ao parque acuático de Cerceda. Nesta ocasión vai ser o venres 8 de agosto e estará dirixida a nenos maiores de 6 anos e a tódolos familiares que os desexen acompañar nesa xornada. O prezo é de doce euros por persoa, que estarán destinados a financiar o custe do autobús e as entradas para o propio parque acuático.”

A actividade comezará coa saída ás dez da mañá e finalizará co regreso previsto para as oito e media da tarde na Praza do Conde Santo, de Lourenzá. Os participantes irán acompañados por monitores do Concello pertencentes á Area de Deportes.