A ESTRADA COÑECIDA COMO CAMIÑO A REABRIUSE AO TRÁFICO DESPOIS DO ARRANXO REALIZADO POLA XUNTA DE GALICIA. A ALCALDESA EXPLICOU QUE AGORA A DEPUTACIÓN DE LUGO TEN UN MES DE PRAZO PARA ASUMIR A TITULARIDADE DESTE VIAL

Lourenzá, 13 de setembro de 2013. A estrada coñecida como Camiño A reabriuse ao tráfico onte, xoves, despois das obras de arranxo realizadas pola Xunta de Galicia. Anunciouno esta mañá a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, quen explicou que agora a Deputación Provincial de Lugo ten un mes de prazo para asumir a titularidade deste vial.

A rexedora municipal manifestou hoxe que “no día de onte reabriuse ao tráfico a estrada coñecida como Camiño A, onde acaba de arranxar a Xunta, a través do ente público Augas de Galicia, un badén que había sobre o río Batán ao seu paso por Sendín, que primeiro fora reparado polo Concello e posteriormente derrubado outra vez polas riadas de xaneiro deste ano. Con isto demostramos que o Concello de Lourenzá aceptou desde un principio que ese vial era titularidade do Concello e abrimos a vía para poder negociar coa Deputación de Lugo e dar por finalizado un acordo que empezou no ano 2005 para o traspaso desta estrada á titularidade da Deputación de Lugo. A partir de agora só queda esperar un mes, que foi o prazo que acordarmos na sesión plenaria da corporación municipal na que se aprobou por unanimidade unha moción que fixemos conxuntamente o Partido Popular, o Bloque Nacionalista Galego e o Partido Socialista, coa cal instábamos á Deputación de Lugo a asumir a titularidade este vieiro no prazo dun mes despois de estar finalizadas as obras”.

Polo tanto “hoxe mesmo comunicarémoslle á Deputación de Lugo que se remataron eses traballos e que xa estamos á súa disposición para asinar o convenio, unha vez eliminada aquela cláusula na que nos poñían que tíñamos que facer case unha autopista nese camiño para que acepten a súa titularidade. Esperamos que fagan caso a esa moción conxunta das tres forzas políticas do Concello de Lourenzá aprobada recentemente no pleno da corporación municipal e que dunha vez por todas a Deputación de Lugo deixe o sectarismo político e cumpra un acordo que xa ven do ano 2005 e debería estar rematado no 2007”, rematou Emma Álvarez.