ISMAIL ITRIH, DE 5 ANOS, É O GAÑADOR DO PRIMEIRO CERTAME DE POSTAIS DE NADAL DE LOURENZÁ ENTRE UN TOTAL DE CASE 80 TRABALLOS PRESENTADOS

Ismail Itrih, alumno de 5 anos de idade do CEIP Juan Rey de Lourenzá, foi elixido o pasado venres, 12 de decembro, gañador do I Certame de Postais de Nadal. Un xurado formado por directivos da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá así como por persoal da área de Cultura do Concello e polo director do colexio Juan Rey foi o encargado de valorar os traballos entregados nesta primeira edición do concurso. En total presentáronse case 80 postais, o que supón “unha satisfacción” para o Concello, que coorganizou este certame en colaboración coa ACIAL laurentina. O premio consiste nun vale de compras valorado en 50 euros, que será entregado o próximo domingo, 21 de decembro, no mercado gandeiro, coincidindo coa celebración do Mercado de Nadal.

A Concelleira de Cultura en Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, explicou hoxe que “o pasado venres, día 12 de decembro, reuniuse o xurado encargado de valorar o I Certame de Postais de Nadal do Concello de Lourenzá. Nesta ocasión, foron cinco os membros do mencionado xurado, que deliberaron ante un total de case oitenta postais elaboradas polos alumnos do colexio Juan Rey. Nese xurado estaban representados a ACIAL, co-organizadora deste concurso de postais de Nadal, a través de Marta Sánchez Seivane e Lucía López Cajoto, membros da directiva, e tamén o director do colexio Eduardo Iglesias Villar. Por outra banda, representando ao Concello, co-organizador de dito concurso, estaba persoal da área de Educación. Neste caso eu mesma, coma concelleira de Educación, e tamén a traballadora social María José García Veiga”.

Flórez engadiu que “foron case un total de oitenta postais as que se presentaron a este certame. Algo que nos encheu de satisfacción, xa que ao ser a primeira vez que se organizaba non contábamos cunha participación tan extensa. E unha vez valorados tódolos traballos presentados saíu elixido gañador o neno de 5 anos Ismail Itrih, que vai a ter un premio de 50 euros en vales de compra, outorgado pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá; e, por outra banda, a súa postal vai a ser a que o Concello utilice coma felicitación institucional nestas vindeiras festas de Nadal. Quedaba por concretar o día de entrega do premio, que se vai a celebrar nunha data significativa. Neste caso escollemos, tanto por parte do Concello como pola directiva de ACIAL, como ocasión máis axeitada o vindeiro Mercado de Nadal, que se vai a celebrar a próxima fin de semana en Lourenzá, os días 20 e 21 de decembro. E, concretamente, a entrega deste vale de compra vai efectuarse o domingo 21, ás seis e media da tarde nas dependencias do Mercado Gandeiro, onde estarán situados os postos deste Mercado de Nadal”.

ISMAIL ITRIH, DE 5 ANOS, É O GAÑADOR DO PRIMEIRO CERTAME DE POSTAIS DE NADAL DE LOURENZÁ ENTRE UN TOTAL DE CASE 80 TRABALLOS PRESENTADOS