LOURENZÁ ARRANCA MAÑÁ COA CELEBRACIÓN DA SÚA XXIV EDICIÓN DA FESTA DA FABA. HABERÁ DEGUSTACIÓN DE TAPAS DE BALDE, VENTA DE FABAS E ARTESANÍA, OBRADOIROS E ACTUACIÓNS MUSICAIS

Mañá, venres 3 de outubro, arranca a XXIV Festa da Faba de Lourenzá, un evento gastronómico declarado Festa de Interese Turístico de Galicia. Faino cun programa repleto de actos que se iniciará coa lectura do pregón por parte do historiador Andrés González Paz. Será o venres, ás 20:00 horas no salón de actos do Concello. Ese mesmo día xa se poderán degustar as máis de 20 tapas gratuítas elaboradas polos establecementos hostaleiros laurentinos para esta edición. As actividades continuarán durante toda a fin de semana coa venta de fabas e produtos artesanais e a celebración de diferentes actuacións musicais e lúdicas dirixidas a tódolos públicos.

Emma Álvarez Chao, alcaldesa de Lourenzá, avanzou que “xa está todo preparado para arrancar coa XXIV Festa da Faba. No noso concello xa hai ambiente de festa e mesmo os visitantes que veñan mañá aquí xa poderán degustar de balde a Faba de Lourenzá cociñada de máis de 20 maneiras diferentes nos distintos establecementos hostaleiros da vila. Tamén poderán oír, mañá pola tarde, o pregón da festa que estará a cargo de Carlos Andrés González Paz, historiador e veciño Alfoz que colaborou co concello en distintas actividades”.

A responsable municipal recordou que “o programa para o sábado e o domingo é moi completo. Degustación, venta de fabas, venta de artesanía, actuacións musicais, carreira popular, obradoiros… Estas son algunhas das actividades lúdico festivas que temos preparadas para estes días, actividades que non serían o que son sen o traballo altruísta dos operarios municipais que non poñen reparo ningún en ter que traballar precisamente nunha fin de semana na que o resto de veciños están de festa. Por iso grazas a todos eles pola colaboración desinteresada que teñen co Concello para facer realidade esta festa de promoción da faba de Lourenzá, na cal esperamos superar o número de asistentes de anos anteriores”.

A alcaldesa laurentina espera que “este ano sexan máis de 5.000 as persoas que acudan a Lourenzá a degustar a nosa faba e a mercala nos distintos postos dos fabeiros. Animamos a todos os que queiran pasar con nós estes dous días a acercarse por Lourenzá xa que aquí serán ben recibidos, tanto polos empregados do Concello como polos veciños, que participan de xeito moi activo nesta festa”.

Declaracións da Alcaldesa (MP3)

LOURENZÁ ARRANCA MAÑÁ COA CELEBRACIÓN DA SÚA XXIV EDICIÓN DA FESTA DA FABA. HABERÁ DEGUSTACIÓN DE TAPAS DE BALDE, VENTA DE FABAS E ARTESANÍA, OBRADOIROS E ACTUACIÓNS MUSICAIS
LOURENZÁ ARRANCA MAÑÁ COA CELEBRACIÓN DA SÚA XXIV EDICIÓN DA FESTA DA FABA. HABERÁ DEGUSTACIÓN DE TAPAS DE BALDE, VENTA DE FABAS E ARTESANÍA, OBRADOIROS E ACTUACIÓNS MUSICAIS