MAÑÁ, VENRES, REUNIRANSE OS PROPIETARIOS DE CANEDO QUE VAN CONSTITUÍR UN MONTE DE VARAS PARA COBRAR A INDEMNIZACIÓN POLO PASO DA LIÑA ELÉCTRICA BOIMENTE-PESOZ. A XUNTANZA SERÁ NA CASA DA CULTURA ÁS NOVE DA NOITE

Lourenzá, 7 de novembro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que mañá, venres, ás nove da noite no salón de actos da Casa da Cultura vaise celebrar unha reunión dos propietarios de Canedo que van constituír un monte de varas para cobrar a indemnización polo paso da liña eléctrica Boimente-Pesoz.

A rexedora municipal explicou que na xuntanza “vai participar a avogada Pilar Orol, da empresa Tenzas, e están convocadas todas aquelas persoas que teñen títulos de propiedade do monte de varas de Canedo, polo cal pasará a liña eléctrica Boimente-Pesoz. Xa tivemos dúas reunións sobre este tema, nas que se quedou que dende o Concello íamos recoller a documentación, que está en posesión de Pilar Orol, quen vai comentarlles aos propietarios deste monte de varas as posibilidades que teñen e o que necesitan agora para constituírse como tal”.

Emma Álvarez engadiu que “hai entre un terzo e a metade dos propietarios con documentación fiable, que demostra que teñen os títulos de propiedade. E eu animo a que se algunha persoa aínda non pasou polo Concello a deixar os títulos de propiedade pero tenos que tamén veña a esta reunión mañá ás nove da noite, porque está convocada para aquelas persoas que teñen títulos de propiedade, para empezar a traballar xa. Ese e o obxectivo para constituír un monte de varas e poder chegar a cobrar a indemnización que Red Eléctrica pagaría a eses propietarios polo paso da liña Boimente-Pesoz”.