O 15 DE MARZO HABERÁ UN TALLER DE IDEAS PARA MOZ@S

O salón de actos do Concello de Lourenzá acollerá o día 15 deste mes, sábado, un taller de ideas para que os mozos aprendan a elaborar proxectos para presentar ante as administracións.
A concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, anunciou que “o Concello de Lourenzá ven de organizar para o sábado 15 de marzo no salón de actos ás 11 da mañá unha iniciativa denominada Taller de Ideas, que nos chega a través da Xunta de Galicia, concretamente da Consellería de Traballo e Benestar por medio da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En Lourenzá ocúpase da organización a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e basicamente está dirixido a todos aqueles xoves ou persoas e colectivos relacionados coa xuventude, tanto entidades que presten servizos á xuventude, grupos de mozas e mozas de carácter informal ou en asociacionismo, técnicos municipais tanto de emprego como de carácter xuvenil, animadores socioculturais, etcétera”.
Lupe Flórez explicou que “está encamiñado basicamente a habilitar ás persoas que participen en competencia sobre a redacción de proxectos de participación para que desta maneira aumente a calidade daqueles proxectos que se presentan ante a administración. Desta maneira poderán dar resposta a esta liña de subvencións que, a nivel autonómico, a Xunta de Galicia convoca anualmente, destinadas fundamentalmente a aquelas iniciativas de participación activa de voluntariado da xente nova na sociedade.”
A edil de Educación engadiu que “contaremos coa presenza de dous técnicos que van encamiñar a todas as persoas que participen nesta xornada precisamente nestes dous aspectos: por unha parte a relación e elaboración dos proxectos de participación, que ideas principais e que estruturación deben seguir para que á hora de chegar á administración sexan valorados positivamente; e, por outra parte, aumentar a calidade daqueles proxectos que xa veñen presentando distintos colectivos, tanto de carácter informal como asociacións, anualmente a través desta liña de subvencións da Xunta de Galicia”.
Flórez Seivane tamén comentou que “tendo en conta o tipo de iniciativa abrimos un período de inscrición que empeza hoxe e vaise prolongar ata o venres 14 de marzo para que todas aquelas persoas interesadas en participar teñan a oportunidade de anotarse e dar unha información e unha atención o máis axustada posible do que é o proxecto, xa que se require un número mínimo de participantes, que sería unha ducia de persoas, e un máximo de ata 20. O número no que deberán anotarse todas aquelas persoas interesadas é o das oficinas municipais, 982.12.10.06, e deben dirixirse precisamente á responsable da OMIX, que é a técnico de Cultura local, María José. Polo tanto todas aquelas persoas que queiran informarse en profundidade sobre este proxecto que non dubiden en chamar a este número de teléfono”.