O CONCELLO ACTUALIZARÁ OS DATOS PARA COBRAR A TODOS OS USUARIOS DO SERVIZO MUNICIPAL DE RECOLLIDA DE RESIDUOS AS CANTIDADES QUE LLES CORRESPONDEN E ASÍ EVITARÁ APLICAR INTEGRAMENTE A SUBA DO 34 POR CENTO QUE VAI LEVAR A CABO SOGAMA

Lourenzá, 13 de decembro de 2013. O Concello de Lourenzá actualizará a partir do día 1 de xaneiro do vindeiro ano 2014 os datos para cobrar a todos os usuarios do servizo municipal de recollida de residuos sólidos urbanos as cantidades que lles corresponden. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou hoxe que o obxectivo desta medida é que todos os veciños paguen o que lles pertence e así evitarase ter que aplicar integramente a suba do 34 por cento que vai levar a cabo a empresa Sogama.

A rexedora municipal explicou que o Concello detectou que “moitas vivendas están sen dar de alta no recibo do lixo e algún negocio figura no epígrafe de vivenda. Ademais moitos recibos aínda están a nome de falecidos. Todos os que están mal daranse de alta correctamente con data de inicio 1 de xaneiro do 2014, previa notificación expresa a cada titular”.

Emma Álvarez fixo público hoxe un bando no que explica que “todas aquelas vivendas ou negocios que non estean dados de alta no Servizo Municipal de Recollida de Residuos Sólidos Urbanos deberán proceder á solicitude da mesma, así como á actualización dos datos (enderezo, titular e número de conta bancaria) nas oficinas municipais de 8 a 15 horas”.

A alcaldesa comentou que “aquelas persoas que sexan conscientes de que non están pagando o que lles corresponde poden pasarse polo Concello, tal como di o bando. Con esta medida queremos que haxa igualdade entre todos os veciños e veciñas, xa que agora uns están pagando e outros non pero teñen igual o servizo. Desta forma tamén se pretende que no custe do servizo non teña que aumentarse na súa totalidade a suba do 34 por cento que vai aplicar a empresa SOGAMA pola recollida dos residuos”.

Descargar o bando en PDF