O CONCELLO CONTINÚA CO REPARTO DE COMPOSTEIROS ENTRE OS VECIÑOS INTERESADOS EN PARTICIPAR NA NOVA CAMPAÑA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA PROMOVIDA POLA MANCOMUNIDADE DA MARIÑA LUCENSE A TRAVÉS DUN CONVENIO CON SOGAMA

O Concello de Lourenzá continúa co reparto de composteiros entre os veciños interesados en participar na nova campaña de compostaxe doméstica promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense a través dun convenio con Sogama. Lembrouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.
O técnico de emprego do Concello de Lourenzá, José Cuadrado, que é mestre composteiro, explicou que “a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, a través dun convenio firmado con Sogama, volve poñer en marcha un programa de compostaxe doméstica, como o que xa tivo lugar hai uns anos no noso concello. O obxectivo é reciclar a materia orgánica en orixe a través da súa transformación en compost, que é un abono natural cunhas excelentes propiedades para o solo e que se pode utilizar tanto en xardíns como en hortas en substitución dos fertilizantes artificiais, acadando uns importantes beneficios ambientais, económicos e sociais para todos os veciños”.
José Cuadrado engadiu que “este proxecto supoñerá unha práctica medioambiental máis correcta, que servirá de exemplo para as familias que queiran colaborar, incidindo así nos valores que lles inculcamos aos máis pequenos, ao mesmo tempo que reduciremos os gastos e melloraremos o entorno. A materia orgánica que se bota no composteiro reduce a que se deposita no colector habitual reducindo así os gastos que orixina o lixo”.
Cuadrado tamén comentou que “en principio o Concello de Lourenzá vai repartir 20 composteiros a aquelas persoas que estean interesadas en participar neste programa e vaise seguir unha rigorosa orde de inscrición, ou sexa os vinte primeiros que se inscriban serán os que terán prioridade para levar o composteiro. Estes participantes van ter unha formación a cargo dun técnico de Sogama para que saiban como levar o proceso e a maiores os mestres composteiros faranlle un seguimento case diario. Os mestres composteiros serán o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Reigosa, e máis eu”.
O técnico de emprego do Concello de Lourenzá anima a todos os veciños a participar neste programa, que “é unha iniciativa que xa se leva facendo tradicionalmente nas casas, pero desta maneira faise de maneira un pouquiño máis profesional”.