O Concello fará un esforzo económico para manter o técnico local de emprego. "É un servizo moi importante polo aumento do desemprego na zona", explicou a Alcaldesa

Lourenzá, 2 de novembro de 2012. A comisión de goberno do Concello de Lourenzá aprobou pedir unha subvención para contratar un ano máis ao técnico de emprego, coñecido como ADL. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “apostamos así por continuar con este servizo que damos á cidadanía, sobre todo nunha época como a actual na que hai moita falta de emprego, hai moita xente no paro”.

Emma Álvarez engadiu que estamos “nunha situación difícil e a través desta persoa, que posiblemente siga sendo o profesional que contou con este traballo dende xa fai varios anos, aparte de consolidar un posto máis no Concello pretendemos traer iniciativas para o noso municipio, como os cursos que estamos dando actualmente, por exemplo un cursiño de albanelería no que os participantes van poder optar ao certificado de profesionalidade ou tamén cursos de carpintería”.

O técnico de emprego serve tamén para informar puntualmente á cidadanía de todas aquelas noticias que van saíndo e as ordes e convocatorias relacionadas co tecido empresarial, cos autónomos e tamén para a busca de emprego activo.

Por todo elo “pese a que a Xunta, no actual contexto de crise no que nos atopamos, viuse obrigada a reducir as axudas aos concellos para contratacións e recortou considerablemente a achega para a ADL o Concello fai un esforzo e aposta por manter este servizo, que é moi importante sobre todo tendo en conta o incremento do desemprego e a complicada situación laboral que sufre esta zona”.