O CONCELLO HOMENAXEOU AOS ATLETAS DAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS QUE LOGRARON MEDALLAS NOS CAMPIONATOS GALEGOS DE CAMPO A TRAVÉS E DE PISTA CUBERTA

O Concello de Lourenzá homenaxeou aos atletas das escolas deportivas municipais que lograron medallas nos campionatos galegos de campo a través e de pista cuberta.
O acto, celebrado na tarde de onte na Casa do Concello, foi presidido pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen hoxe explicou que “os rapaces que foron homenaxeados son os do equipo alevín feminino de campo a través, que conseguiu ser campión galego nesta disciplina e estaba formado por Ana, Ainara, Hiba, Ainhoa, Carme e Marta. Tamén o equipo alevín masculino de campo a través, que foi subcampión galego e estaba composto por Alex, Nico, Hugo, Aleix, Xaquín e Mario. No campionato galego de pista cuberta houbo varios medallistas individuais que onte tamén foron homenaxeados dende o Concello: Fernando Vallines, campión galego en peso; Ainara Rodríguez, subcampiona galega en 50 e 500 metros; Ana Vallines, campiona galega en 1.000 metros; Alex Santiago, subcampión galego en 1.000 metros; Aleix Díaz, sucampión en 50 e 500; e Lidia Barreira, bronce en triple salto infantil”.
A rexedora municipal engadiu que “con estes rapaces e rapazas estiveron os seus compañeiros da sección de atletismo, tanto nenos como adultos. A maior parte destes alumnos son os pais dos nenos que compiten, que se animaron a practicar este deporte logo de ver como os seus fillos despuntan e se esforzan para acadar sempre mellores resultados nas distintas competicións ás que van. Nesta recepción estiveron tamén presentes o concelleiro de Deportes, Pablo Maseda, e outros concelleiros da corporación municipal, non soamente do equipo de goberno senón tamén do grupo socialista”.
Emma Álvarez destacou que “a sección de atletismo que agora mesmo hai nas escolas deportivas Lourenzá-Mondoñedo está formada, na sección adulta, por xente comprometida que, de xeito desinteresado, axudan ao propio adestrador, Rubén García Piñeiroa, tanto nos adestramentos como nas distintas competicións ás que van. Os propios pais son os delegados que van xunto co adestrador ás competicións para facelas máis levadeiras para os nenos que participan nelas. Co recoñecemento que se fixo onte no Concello o que pretende o equipo de goberno é que lles sirva como estímulo para seguir traballando na procura de novos éxitos para a sección de atletismo e tamén a nivel individual”.