O CONCELLO LOGROU REDUCIR CONSIDERABLEMENTE O PERÍODO DE PAGO DAS FACTURAS ÓS PROVEDORES. DEUSE A COÑECER NO PLENO DA CORPORACIÓN, NO QUE SE APROBARON A ORDENANZA REGULADORA DA VENDA AMBULANTE E A MODIFICACIÓN DAS TAXAS PARA OS POSTOS DOS MERCADOS

Lourenzá, 16 de agosto de 2013. O Concello de Lourenzá logrou reducir considerablemente o período de pago das facturas de gastos correntes presentadas polos provedores. Así se deu a coñecer no pleno da corporación municipal celebrado hoxe, sesión na que foron aprobadas por unanimidade a ordenanza reguladora da venda ambulante e a modificación das taxas para os postos que se instalan nos mercados.

A portavoz do goberno local, Lupe Flórez Seivane, destacou que “no capítulo de gastos correntes no que fai referencia ás facturas do segundo trimestre e dos pagos das mesmas que se están efectuando a comparativa do mesmo período respecto ao ano pasado indica unha baixada no período de pago a provedores. O pago dos gastos correntes, dependendo do capítulo no que se contemplen, facíanse nun período de entre 205 e 138 días e neste ano 2013 acadamos unha baixada ata o intervalo de entre 78 e 63. Estamos pretiño de chegar ao que indica a normativa legal, que establece o período total de pago a provedores en 60 días. Polo tanto pensamos que debemos seguir traballando na mesma liña para tratar de axustarnos á legalidade no menor período de tempo posible”.

Lupe Flórez engadiu que “aprobamos, cos 6 votos a favor do equipo de goberno e as abstencións dos grupos do PSOE e do BNG, o regulamento de axuda no fogar para aplicar no concello. Polos prazos legais, entre a exposición ao público e anuncio, etcétera, a aplicación deste regulamento non estará vixente antes do ano 2014. A intención é adaptarnos á normativa autonómica, concretamente ao decreto que a Xunta de Galicia estableceu ao respecto”.

Por outra parte, no pleno de hoxe “con 7 votos a favor, do PP e do BNG, desestimáronse as alegacións que a Confederación de Empresarios da Madeira presentara á ordenanza de uso de vías municipais, para o que nos baseamos fundamentalmente na exposición e análise dun informe xurídico que se realizou a través da Secretaría da Mancomunidade de Municipios da Mariña, xa que a ordenanza é común para todos os municipios que a conformamos. Unha vez sexa publicado no pertinente boletín oficial estará en plena vixencia”, explicou a voceira do equipo de goberno.

Lupe Flórez resaltou que foron aprobados por unanimidade dos 11 concelleiros da corporación de Lourenzá dous puntos da orde día que se refundiron nun só: “a ordenanza reguladora dos postos do mercado e venda ambulante e a taxas aplicables”.

Tamén saíu adiante a moción do grupo municipal do Partido Popular para instar á Deputación Provincial a manter a axuda económica que nos viñan prestando dende o ano 2007 consistente en 4.000 euros para a celebración da Festa da Faba, declarada de Interese Turístico Galego. Neste asunto “acadamos o acordo co grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, que apoiou esta moción, mentres que o PSOE abstívose. Demandamos á Deputación Provincial de Lugo que manteña o importe económico de dita axuda, que o ano pasado se vira reducida drasticamente, de 4.000 a 1.000 euros. Pedimos que se manteñan os 4.000 euros baseándonos na comparativa doutros eventos que temos na comarca e para os que a axuda económica segue sendo a mesma. Por tanto nós pensamos que é de xustiza que Lourenzá siga recibindo a mesma axuda, porque a outros eventos non se lles reduciu a cantidade económica que aporta a mesma institución” comentou Flórez.

A portavoz do goberno municipal manifestou que na sesión de hoxe tratouse ademais a moción do grupo popular para establecer unha axuda anual á sociedade centenaria Hijos de Lorenzana en La Habana e “o acordo ao que chegamos os grupos do BNG e do PP, xa que o PSOE abstívose, foi contemplar nos presupostos anuais, previo informe da secretaria do Concello, unha subvención nominativa de 200 euros anuais que o Concello aporta para o desenrolo das distintas actividades que esta sociedade está levando a cabo e o mantemento do panteón onde repousan os restos dos laurentinos e socios falecidos”.

Para rematar Lupe Flórez explicou que a moción presentada polos tres grupos municipais relativa ao vial coñecido como Camiño A foi aprobada por unanimidade. Nela “ínstase á Deputación Provincial de Lugo a firmar o convenio de cesión desa estrada sempre e cando se anule unha das cláusulas do convenio que reflicte unha serie de arranxos que consideramos excesivos para facer o transvase de titularidade dese vial”.