O CONCELLO PROMOVE A CREACIÓN DUN GRUPO DE VECIÑOS PARA PARTICIPAR CONXUNTAMENTE NUN PROGRAMA TERMAL DO IMSERSO NO BALNEARIO DE PANTÓN O VINDEIRO ANO. ESTA INICIATIVA XURDIU DURANTE A VIAXE Á RIBEIRA SACRA QUE FIXERON ONTE MEDIO CENTO DE LAURENTINOS

Lourenzá, 20 de novembro de 2013. O Concello de Lourenzá promove a creación dun grupo de veciños para participar conxuntamente nun programa termal do Imserso no balneario de Pantón, viaxe que se fará no primeiro trimestre do vindeiro ano 2014. Esta iniciativa xurdiu durante a excursión á Ribeira Sacra que fixeron onte medio cento de laurentinos, a maior parte deles participantes no taller de memoria. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.

“No día de onte preto de 50 persoas maiores de 65 anos, a maior parte delas membros do taller de memoria, acompañadas pola educadora social e tamén por min, visitamos o balneario de Augas Santas, en Pantón. O motivo desta viaxe era achegarnos a un establecemento como este, que aparte de relax ofrece algo moi importante para as persoas maiores, que son beneficios medicinais. Para iso asistimos a unha charla do médico do balneario, na que explicou pormenorizadamente para que son boas as augas deste centro termal en concreto. Posteriormente xantamos todos xuntos no propio balneario e a continuación visitamos unha bodega na Ribeira Sacra, na que coñecemos o proceso de elaboración do viño e aparte puidemos ver in situ o duro que é o traballo da recolección da uva para posteriormente facer ese viño”, explicou a rexedora municipal.

Emma Álvarez engadiu que “como conclusión da viaxe sacamos que un grupo importante de persoas está interesado en facer unha excursión termal e estando aquí, ao carón, este balneario que ten propiedades para problemas respiratorios, para artrose ou incluso para a pel formulóusenos a posibilidade de facer un grupo de persoas non inferior a 30 para que participen todos xuntos ao mesmo tempo nun programa do Imserso neste mesmo balneario. Trataremos de recadar a información daquelas persoas que estean interesadas, para xestionalo co balneario no mes de xaneiro e así poder disfrutar en febreiro ou en marzo todos xuntos desta viaxe, pois sempre é máis apetecible que ir de xeito individual a un balneario onde non coñeces a ninguén. Desta maneira irían polo menos 30 persoas que xa se coñecen porque moitos deles están no taller de memoria, son todos veciños e pasaríano en grande naqueles momentos de ocio que hai ademais dos tratamentos”.

A alcaldesa rematou comentando que “os Servizos Sociais do Concello poñeranse en contacto coas persoas que asistiron á viaxe de onte e farémolo público para que se poidan apuntar o resto de veciños maiores de 65 anos e tamén poderán participar as súas parellas aínda que sexan menores desa idade. Esperemos que haxa persoas interesadas en número suficiente para poder facer esa viaxe e que resulte unha actividade frutífera para os que participen”.