O concello solicita 7 cursos para desempregados e asinará un convenio coa Consellería de Medio Ambiente para que este departamento da Xunta arranxe a Avenida de Soutelo cun investimento de 60.500 euros

Lourenzá, 27 de marzo de 2013. A comisión de goberno do Concello de Lourenzá aprobou a solicitude de sete cursos para desempregados e acordou iniciar o expediente para asinar un convenio coa Consellería de Medio Ambiente para o arranxo da avenida de Soutelo, obra na que a Xunta de Galicia investirá 60.500 euros.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, explicou que os cursos para desempregados que solicita o Concello á Consellería de Traballo “son unha maneira de participar con esta xente que se atopa sen traballo e para que poida ampliar a súa formación. Pedimos, entre outros, cursos de electricista, xardinería, albanelería e atención socio sanitaria en entidades públicas”.

O goberno local de Lourenzá acordou tamén iniciar os trámites para solicitarlle á Consellería de Presidencia que realice o estudo para o escudo que represente ao Concello de Lourenzá, “tal como quedaramos nunha xunta de portavoces”, lembrou a rexedora municipal.

Ademais a comisión de goberno decidiu iniciar o expediente para a firma do convenio entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente para o arranxo do firme da avenida de Soutelo por un importe de 60.500 euros. “Isto é unha mostra do compromiso da Xunta de Galicia, e concretamente do conselleiro Agustín Hernández, froito da reunión que mantivemos o pasado 15 de febreiro”, comentou Emma Álvarez, quen tamén explicou que obra que vai executar a Consellería de Medio Ambiente na avenida de Soutelo “facilitará o acceso ao Ceip, ao polideportivo, a Casa da Xuventude e ao punto de atención á infancia, ademais de aos núcleos de Soutelo e Alaxe”.