O DÍA 22 DESTE MES EMPEZARÁN OS MERCADOS DOMINICAIS DA FABA DE LOURENZÁ, NOS QUE SÓ PODERÁN VENDER OS PRODUTORES QUE TEÑAN O NOVO CARNÉ DE FABEIRO

Lourenzá, 6 de setembro de 2013. O día 22 deste mes de setembro empezarán os mercados dominicais da faba de Lourenzá, nos que só poderán vender os produtores que teñan o novo carné de fabeiro. Este documento acreditativo deben solicitalo na Casa do Concello a partir do vindeiro luns, día 9.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou que o día 22 deste mes de setembro “iniciamos os mercados dominicais de faba, que se celebran nas instalacións do mercado gandeiro e para poder acceder ao recinto a vender necesítase un carné de fabeiro para acreditar que as fabas que o produtor vai levar para comercializar proceden da área de influencia da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá”. O carné expedirase na Casa do Concello e terá un custe de 2,05 euros.

A rexedora explicou que o obxectivo é “ter o control do acceso das fabas que se venden neste mercado” e aclarou que “a diferenza de anos anteriores cando había dúas zonas, unha deles habilitada para que aquelas persoas que non tiñan o carné de fabeiro puideran vender a súa leguminosa, este ano soamente van poder acceder ao recinto aqueles fabeiros que teñan o carné”.

Emma Álvarez tamén comentou que “este ano iniciamos outra vez o número de rexistro, posto que había moitas baixas, xa íamos en máis de 700 fabeiros, cando en realidade soamente viñan ao mercado entre 200 e 300. Entón vamos facer un carné novo, polo cal todas as persoas que queiran acceder ao recinto para vender as súas fabas os domingos pola mañá dende o 22 de setembro ata o mes de xaneiro terán que pasarse polas oficinas do Concello de oito da mañá a tres e media da tarde para facer o seu carné de fabeiro. É imprescindible que traian o DNI e unha fotografía recente”.