O GOBERNO MUNICIPAL CRITICA AOS CONCELLEIROS DA OPOSICIÓN PORQUE NON ASISTIU NINGÚN DELES AO IMPORTANTE PLENO EXTRAORDINARIO CELEBRADO ESTA MAÑÁ

O goberno municipal de Lourenzá critica aos concelleiros da oposición, de PSOE e BNG, porque non asistiu ningún deles a pleno extraordinario da corporación celebrado esta mañá e no que se trataron asuntos importantes para os veciños.

“Dende o equipo de goberno do Concello de Lourenzá manifestamos a nosa sorpresa xa que na mañá de hoxe tivemos un pleno extraordinario urxente onde se levaban na orde do día varios aspectos que nos parecen moi importantes para os veciños do noso concello, entre os que podemos destacar a aprobación da ampliación da área de rehabilitación integral, que suporá no futuro axudas para aqueles veciños que teñan vivendas incluídas dentro desa área de influencia así como das propias infraestruturas do Concello que entren dentro desa nova delimitación. Outro dos puntos que consideramos tamén moi importante é a aprobación dun convenio de colaboración marco para unha xestión compartida do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos cos concellos de Alfoz, Barreiros e Trabada. Outro asunto tamén moi importante foi a aprobación dun regulamento para o viveiro municipal de cooperativas de Lourenzá, así como a temática das dúas mocións que dende o propio equipo de goberno presentamos en días pasados: a da mellora do servizo de Correos e a do mantemento das funcións do actual xulgado de paz. Pensamos que son uns puntos que todos e cada un deles teñen importancia para os veciños de Lourenzá e parécenos unha falta de respecto que ningún membro da oposición asistira á sesión plenaria de hoxe”, manifestou a portavoz do goberno local, Lupe Flórez Seivane.

Lupe Flórez especificou que “o concelleiro do Bloque Nacionalista Galego non desculpou a súa ausencia, pero si temos constancia do caso do grupo municipal do Partido Socialista, xa que se remitiu un escrito ao Concello por parte da súa portavoz no que se escuda no horario de celebración do pleno para xustificar a imposibilidade de asistir ao mesmo. Este pleno extraordinario e urxente celebrouse ás dez da mañá, que eles consideran un horario intempestivo no que non poden abandonar os seus postos de traballo. Pero os plenos ordinarios en Lourenzá celébranse o terceiro venres cada tres meses ás 12 e media da mañá, polo que consideramos que se poden asistir regularmente a esas sesións o feito de que un puntual se celebre ás 10 da mañá por razóns de urxencia non cremos que sexa motivo suficiente para non asistir ao mesmo. Ademais o feito de que un concelleiro estea traballando non o exime das súas obrigas como concelleiro e dentro do propio equipo de goberno, exceptuando a alcaldesa e o primeiro tenente de alcalde, que teñen dedicacións e por tanto están no Concello, os restantes 4 concelleiros que formamos o grupo de goberno temos os nosos traballos e polo tanto tamén tivemos que escusarnos nos mesmos para asistir á sesión plenaria de hoxe, o que nós como concelleiros temos a obriga de presentar e a empresa ou lugar de traballo onde realizamos a nosa actividade profesional ten a obriga de aceptar, xa que se trata dun deber inescusable de carácter público, pois é un órgano administrativo ou de goberno ao cal temos a obriga de asistir. Polo tanto non nos parece que sexa motivo suficiente para non participar nunha das últimas sesións plenarias que vai ter lugar nesta lexislatura”.