O Punto de Atención á Infancia “Meniños” amplía o seu horario e a partir do 1 de febreiro funcionará de 8 a 20 horas ininterrompidamente. No pleno da corporación municipal cambiarase o regulamento para que os nenos poidan xantar no centro

Lourenzá, 18 de xaneiro de 2013. O punto de atención á infancia (PAI) Meniños, de Lourenzá, ampliará o seu horario de funcionamento a partir do 1 de febreiro e estará aberto de oito da mañá a oito da tarde ininterrompidamente. Este servizo está orientado ao coidado asistencial e educativo de nenos/as a partir dos 3 meses de idade, nunhas instalacións especificamente adaptadas para os primeiros anos da infancia.

A concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez, anunciou que “vimos de articular unha serie de cambios no punto de atención á infancia consistente o primeiro deles en ampliar o horario de apertura. Ata o momento permanecía aberto de oito da mañá a unha e media da tarde e de dúas e media a oito. Dende o 1 de febreiro teremos horario continuado sen peche a mediodía, de oito da mañá a oito da tarde, de luns a venres excepto os festivos. Desta maneira queremos fomentar a conciliación da vida familiar e laboral, sobre todo nestes temos de crise nos que as familias teñen que adaptarse para o coidado dos seus fillos e compaxinalo cos seus horarios laborais.

Lupe Flórez tamén explicou que o centro seguirá pechando no mes de agosto “para dedicalo ás vacacións do persoal así como á completa hixienización e limpeza das instalacións e do mobiliario”.

Ademais no vindeiro pleno ordinario da corporación municipal de Lourenzá, que se vai celebrar o terceiro venres de febreiro, tratarase unha proposta da Alcaldía “referente á posibilidade de cambiar o regulamento de réxime interno do centro, porque ata o momento non contempla a posibilidade de que os alumnos reciban a comida de mediodía no mesmo; a día de hoxe almorzan e merendan e comen os nenos que só inxiren alimentos triturados, pero os que xa comen alimentos normais de adultos non teñen a posibilidade de recibir esa alimentación no centro actualmente. Por iso vamos incluír na orde do día do próximo pleno unha proposta para cambiar ese regulamento de réxime interno, que a partir do momento en que sexa aprobado poidamos contar con ese novo servizo, que contribúa tamén a facilitar a vida das familias e dos usuarios do noso punto de atención á infancia”, comentou a concelleira de Educación.

Polo tanto, aquelas familias que o desexen terán a posibilidade de que o seu fillo/a reciba a alimentación (almorzo, xantar e/ou merenda) no PAI, xa que as educadoras do centro contan coa debida autorización de manipulación de alimentos. No caso da comida do xantar deberá se enviada diariamente pola familia nun recipiente axeitado para ser quentado no forno microondas e identificado co nome e apelidos do alumno/a.

Os interesados poden obter máis información ou consultar as súas dúbidas a través do teléfono do centro (982.12.20.25) ou visitando as propias instalacións, que están situadas na Avenida de Soutelo, nos baixos do edificio da Casa da Xuventude.