AS OBRAS DE RECONSTRUCCIÓN REALIZADAS NA ÁREA RECREATIVA DO MUÍÑO DO PEREIRO EVITARON NOVOS DESBORDAMENTOS DO RÍO BAOS ONTE

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, afirmou hoxe que as obras de reconstrución de dúas escolleras e dun muro de contención levadas a cabo na zona da área recreativa do Muíño do Pereiro tras o temporal do pasado 15 de outubro evitaron que as chuvias de onte ocasionasen de novo desbordamentos. Non obstante, a rexedora laurentina solicita a Augas de Galicia a limpeza inmediata do río Baos e anunciou o próximo inicio das obras para a creación da ruta de sendeirismo Val de Lourenzá, que transcorre tamén pola área do Muíño do Pereiro.

Emma Álvarez explicou que “as obras que fixemos na área recreativa do Muíño do Pereiro, coa reconstrución de dúas escolleras e tamén un muro de contención que resultaron danados por aquela tromba de auga que caeu o pasado 15 de outubro, fixeron posible que as choivas deste pasado fin de semana e sobre todo as de onte, domingo, non afectaran a esta área e non houbera desbordamentos. Pero agardamos que a limpeza da canle do río Baos por parte de Augas de Galicia sexa inmediata para que así os veciños e as veciñas que teñen as súas fincas paralelas a este río poidan vivir con tranquilidade as choivas que aínda quedan por vir.”

A alcaldesa engadiu que “a maiores do feito de que se fixeran estas dúas escolleras e o muro de contención, o módulo de xardinería do obradoiro de emprego da Serra da Cadeira, que está neste momento actuando nos concellos de Lourenzá, Trabada e Barreiros, e que levou a cabo o axardinamento da parcela que está ao marxe esquerdo do Río Baos, permitiu que xa se limpara unha parte dunha canle que verte auga a este río. Este feito tamén axudou a que as choivas de onte pasaran inadvertidas polo Muíño do Pereiro. Ademais dos traballos feitos cos medios propios do Concello e pola área de xardinería do obradoiro de emprego, o módulo de carpintería tamén actuou sobre a área do Muíño do Pereiro, facendo unha ponte de madeira e mesmo adaptando unha xa existente para que sexa accesible a aquelas persoas que teñan mobilidade reducida”.

A responsable municipal anunciou ademais que “esta área do Muíño do Pereiro vaise ver mellorada tamén cunha actuación que levará a cabo a Xunta de Galicia, ao crear a ruta de sendeirismo Val de Lourenzá, duns 20 quilómetros de percorrido e para a cal comezarán as obras previsiblemente a finais desta semana”.

 

AS OBRAS DE RECONSTRUCCIÓN REALIZADAS NA ÁREA RECREATIVA DO MUÍÑO DO PEREIRO EVITARON NOVOS DESBORDAMENTOS DO RÍO BAOS ONTE
AS OBRAS DE RECONSTRUCCIÓN REALIZADAS NA ÁREA RECREATIVA DO MUÍÑO DO PEREIRO EVITARON NOVOS DESBORDAMENTOS DO RÍO BAOS ONTE